Xunta e Concello da Laracha colaboran na mellora das instalacións do CEIP Alfredo Brañas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Laracha
A-
A+
Belén do Campo na visita ao centro

Belén do Campo na visita ao centro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, ven de acometer diversos traballos de mellora no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Alfredo Brañas do concello da Laracha, para os que consignou un orzamento de 10.000 euros.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o centro, acompañada polo alcalde, José Manuel López, e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, onde explicou que as obras consistiron, por unha banda, na substitución das tubaxes da calefacción debido ao seu estado de deterioro e á reparación do colector de recollida de pluviais. Trátase, neste caso, de actuacións que non interferiron no desenvolvemento normal da actividade académica.

Do Campo aproveitou a súa visita ás instalacións para agradecerlle tanto á comunidade educativa como ao goberno local do municipio a cooperación e o traballo realizado para sacar adiante o proxecto, así como o seu compromiso por seguir mellorando o centro. Neste senso, o rexedor anunciou que nas vindeiras semanas o concello tamén acometerá diversos traballos para mellorar o acceso a internet nas aulas e ampliar as dependencias destinadas ao profesorado.

Con este tipo de actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos municipios da provincia, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coas AMPAS dos centros, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas, co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.

10 de marzo de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.