publicidade hoxe

Xove aforra 15.000 euros anuais na factura eléctrica co programa de iluminación pública do Inega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+

A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, está a desenvolver nos últimos anos unha liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, e como destacou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, nunha visita ao concello de Xove, a través deste programa a Consellería de Economía e Industria facilitou a substitución de luminarias por outras máis eficientes, permitindo que o municipio lucense obteña un aforro económico anual de máis de 15.000 euros por exercicio na súa factura eléctrica.

Este compromiso coa eficiencia enerxética, explicou o director, tradúcese en “cifras moi importantes” como un aforro enerxético de preto de 81.500 KWh/ano, ou a redución das emisións á atmosfera de arredor de 53 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 2.600 árbores.

Ante a importancia destas cifras, Bernardo Tahoces avanzou que Goberno galego activará mañá, a través do Inega, unha nove orde de axudas. “A convocatoria deste ano suma 1,4 millóns e beneficiará a medio cento de concellos galegos”, subliñou. Así, o programa achegará, un ano máis, apoios do 70% do investimento, que se verán incrementados, nun 15% para as agrupacións e fusións municipais.

“Deste xeito, seguimos colaborando para impulsar medidas de aforro enerxético nos nosos municipios, incidindo nunha das súas partidas máis destacables, xa que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun concello”, explicou Bernardo Tahoces, que estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa.

A nova convocatoria deste programa, subliñou o director, permitirá dar continuidade ao labor desenvolvido pola Consellería de Economía e Industria nos últimos 6 anos. Así, a través desta liña mobilizáronse, nos últimos 6 anos, máis de 3 millóns de euros en 45 concellos da provincia de Lugo, que puideron acceder a axudas para renovar os seus equipos por outros máis eficientes, desenvolvendo proxectos que supoñen aforros conxuntos próximos ao medio millón de euros.

Con esta actuación, resaltou Bernardo Tahoces, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

30 de marzo de 2015 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.