Xosé Antón López: “ofrecer mellores servizos pasa pola creación dunha grande área metropolitana”
O candidato á alcaldía de Santiago de Compromiso por Galicia, Xosé Antón López, aposta por unha Santiago de Compostela que vertebre a Galicia central, incluíndo A Estrada, Silleda e Lalín, superando os límites provinciais contra os que están os galeguistas. Para esta finalidade afirmou que “cómpre tamén pedir a fin de peaxe da AP-53 pois é unha ferramenta básica para a vertebración da futura área metropolitana”.
López manifestouse en contra das fusións “forzosas e a punta de pistola” de concellos, porque “estamos a favor da democracia, e quen pretenda facer política en contra da vontade da cidadanía semella que non está a entender as demandas das veciñas e dos veciños por moito que se autodenomine ‘popular’ ou de ‘unidade popular’”.
Na súa opinión “estas políticas autoritarias tan só contribúen a xerar enfrontamento e falta de confianza entre os veciños, e despois de pouco serve que exista unha función formal que despois poña en pé de guerra uns cidadáns contra outros polo feito de residiren en concellos diferentes”. Avoga máis ben “pola creación dunha grande área metropolitana transprovincial que poida ofrecer mellores e máis baratos servizos como o transporte metropolitano, recollida do lixo, políticas de axuda á dependencia ou acceso a recintos para a práctica deportiva”.
Con todo, ve aspectos positivos nas ideas suxeridas recentemente pois “alegrámonos de que outros partidos se sumen á nosa proposta, pero é importante que non se mesturen termos que leven á confusión” e engadiu “lamentablemente, a traxectoria recente de determinadas formacións políticas provoca unha dúbida razoable sobre a sinceridade das súas propostas”.











