‘Xoga’ formará parte da campaña escolar no vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Tras o éxito da estrea de ‘Xoga’ o domingo 1 de marzo a dirección do Teatro Colón decidiu incluír este espectáculo na campaña escolar do vindeiro curso. ‘Xoga’ é unha proposta de danza contemporánea para nenos que forma parte do Programa de Residencias Técnicas do Teatro Colón.

Á estrea deste espectáculo didáctico enfocado a público familiar asistiron máis de 350 persoas. Todo un éxito para un espectáculo de danza contemporánea para nenos. A proposta formará parte o vindeiro curso da campaña escolar do Teatro Colón, campaña que este ano consta dun total de 45 funcións con distintas propostas adaptadas a temáticas e grupos de idade diversos.

O musical da vida de Manolo Escobar

Esta semana chega ao Teatro Colón ‘Mi carro lo tienes tú’ o musical que revisa a vida de Manolo Escobar e que trata de ser unha homenaxe a un artista que acabou converténdose en toda unha icona social. Poderá verse o sábado 7 de marzo en dobre función, ás 18:30 e ás 21:00 horas.

Gabriel García, sobriño e representante de Manolo Escobar, é autor – xunto a Fran Arráez que se encarga tamén da dirección escénica- desta proposta que conta co beneplácito da familia. O actor Luis Muñoz dá vida ao cantante nesta proposta cargada de humor e música na que, ademais de repasar a vida do mítico cantante e actor, interpretaranse os seus temas máis coñecidos.

As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Sede A Fundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

2 de marzo de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.