Viaxe familiar a Valladolid co programa “Imos de excursión 2015”
A Concellería de Cultura continúa coas viaxes do programa Imos de excursión 2015. Desa vez ofrece unha proposta pensada para as familias, unha viaxe de tres días a Valladolid na que tanto pequenos coma maiores poderán gozar de diversas actividades culturais e de ocio. A viaxe comeza o 3 de abril coa visita ao parque infantil e temático “Valle de los Seis Sentidos”, dedicado ao turismo familiar. Nos seus 18.000 metros cadrados, os visitantes poderán atopar máis de 60 xogos diferentes repartidos en varias zonas coma o xardín de pedras, o pazo dos sentidos, o val dos valentes, os outeiros do labirinto, o merendeiro ou o bosque Rañanubes. Entre as diferentes actividades destacan os xogos de acción e movemento, a ponte de cordas, os xogos científicos, os xogos de música e os de paisaxismo e medio ambiente.
O segundo día realizarase unha visita guiada pola mañá ao Castelo de Villafuerte de Esgueva e, a continuación, partirase cara Peñafiel, onde os excursionistas poderán gozaar dunha visita a unha adega de Ribera del Duero. Tras o xantar visitarán a vila de Peñafiel.
Finalmente, o último día é a quenda da cidade de Valladolid, onde se fará un percorrido guiado pola parte histórica, na que os visitantes poderán observar o seu importante patrimonio monumental.
O prezo da viaxe é de 175 euros por persoa, dentro dos cales se inclúe o autocar gran turismo, a estancia de dúas noites no hotel Simancas*** con pensión completa, o xantar concertado en Peñafiel, visitas guiadas e as entradas ao parque temático e ao castelo, ademais do seguro de asistencia de viaxe.
Esta é a primeira viaxe orientada ás familias deste ano dentro do programa Imos de Excursión 2015. Todos os interesados en participar poderán inscribirse a partir deste xoves 12 de marzo, dende as 17:00 horas, nos centros socioculturais.