publicidade hoxe

UPyD avoga por un calendario cultural conxunto para Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

José Luis Méndez, candidato de UPyD á alcaldía e o seu equipo de traballo, apostan por un calendario cultural unificado, que permita a Ferrolterra competir nos grandes circuítos culturais do panorama español.

As recentes declaracións do Concelleiro Delegado de Cultura de Ferrol Manuel Reyes García Hurtado, menosprezando a programación cultural de Narón, non fan senón reflectir a política cultural que se levou a cabo durante estes últimos catro anos na cidade naval, onde un dos reflexos máis patentes é o restaurado Antigo Hospicio da cidade, que segue sen ningún tipo de contido cultural despois de investirse 1,4 millóns de euros de diñeiro público na súa rehabilitación. A segunda fase do proxecto suscitou críticas e mesmo unha petición de paralización na plataforma change.org por non respectar o conxunto arquitectónico e do Barrio de La Magdalena en xeral.

A falta de contido nos espazos culturais non é o único problema ao que se enfronta o Concello de Ferrol, senón que tamén mantén paralizado o Ciclo de Teatro Afeccionado ‘Domingos a Escena’, o máis antigo de toda Galicia, despois de que unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo no1 de Ferrol anulase o contrato de adxudicación deste por ser unha resolución administrativa non conforme a dereito.

UPyD propón un calendario cultural conxunto que axude a unir os cidadáns da bisbarra e non a avivar enfrontamentos que se reproducen en diferentes áreas da vida diaria da bisbarra. Este calendario permitiría dotar á bisbarra de artistas de primeira liña, xa que os cidadáns de cada Concello da bisbarra, se desprazan aos lindantes para asistir a concertos, exposicións e demais demostracións culturais. A coordinación cultural nunha axenda conxunta permite, ademais de aforrar á hora de atraer artistas de primeiro nivel durante as súas xiras a non coincidencia de actos importantes para cada localidade nunha mesma data, o que permitiría unha maior calidade á hora de ofrecer aos cidadáns un dos factores de dinamización e cohesión social máis importantes.

11 de marzo de 2015 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.