Uns trescentos rapaces de Oroso conmemoran o Día da Muller cunha proxección de curtametraxes de CortoEspaña

Vista dos escolares antes da proxección
Máis de trescentos rapaces e rapazas de Oroso participaron ao longo desta mañá nunha actividade conmemorativa do Día Internacional da Muller, organizada polo Concello de Oroso e CortoEspaña. O alumnado o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES de Oroso e o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Oroso e do CEIP Sigüeiro asistiron á proxección de cinco curtametraxes sobre a muller baixo o título xenérico: “Igualdade, diversidade, convivencia, respecto, non discriminación”.
Os concelleiros de Ensino, Antonio Leira, e Muller, María del Carmen Liste, deron a benvida ao alumnado e convidárono a que o Día da Muller non se conmemore tan só unha vez ao ano, senón cada día. “Entre todos podemos conseguir unha sociedade mellor. Non é sinxelo, pero é unha pelexa do día a día”, explicoulles Antonio Leira.
A actividade incluíu a proxección de cinco curtas: “Con la boca cerrada”, de Anna Farré; “It girl”, de Oriol Puig Playá; “Escúchame”, de David de la Torre; “Silencios”, de Jesús Méndez; e “Absolutamente personal”, de Julián Merino..
Exposición fotografía
Para esta noite está programada a entrega de premios do V Concurso de Fotografía “Muller Traballadora” do Concello de Oroso, que dará paso á inauguración dunha exposición coas imaxes recibidas no certame. Unha mostra que poderá visitarse no auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa ata finais de marzo.











