Uns mil escolares visitarán en abril o castro de Santa Trega na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

GaliPat Servizos Culturais presenta o proxecto EduCastro, financiado polo Ministerio de Cultura, a Consejería de Cultura do Principado de Asturias e o Concello da Guarda. Este proxecto educativo céntrase no mundo dos castros do Noroeste da Península Ibérica e ofertaralles aos centros escolares de Primaria e Secundaria dos concellos da zona próxima á Guarda un programa que constará de visitas guiadas e obradoiros didácticos gratuítos para 1.000 alumn@s de Galicia. Este programa realizarase en datas pechadas durante o mes de abril ata esgotar as prazas dispoñibles. Tanto as visitas como os obradoiros didácticos están financiados polo Concello da Guarda e o Ministerio de Cultura.

Esta programación comezará con visitas guiadas ao castro de Santa Trega de 45 minutos máximo de duración e continuará cun obradoiro didáctico sobre os modos de vida na Idade do Ferro (s.VIII a.C.-II d.C.). Cada obradoiro adaptarase ás idades e ciclos específicos. Os obradoiros que poderán realizar @s participantes serán:

– A Muller e a cerámica na Idade do Ferro (terceiro ciclo de primaria)

– Símbolos do pasado (primeiro e segundo ciclo de primaria)

– Cazadora na Prehistoria (Secundaria)

Por outra banda, o proxecto EduCastro completarase cunha plataforma web con aula virtual (www.educastro.es) á que os docentes poderán acceder para consultar diversas unidades didácticas e recursos docentes para poder traballar c@s alumn@s na aula así como unha app con diversas seccións de avaliación de contidos e xogos interactivos. Todas as visitas son gratuítas excepto o desprazamento ao castro e están patrocinadas polo Concello da Guarda e o Ministerio de Cultura. 

As visitas organizaranse en quendas de dúas horas de duración por cada autobús visitante.

18 de marzo de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.