Unha Mirada sen Fronteiras na Casa da Cultura de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Casa da Cultura de Monforte acolle, do 1 ó 14 de abril, a exposición fotográfica Unha mirada sen fronteiras, de José Luis Montes Marqués.

José Luis Montes Marqués, fillo de emigrantes carballiñeses, nace en Salvador de Bahía (Brasil) en 1960, pero ós seis anos instálase definitivamente en Carballiño. Fotógrafo afeccionado e autodidacta, defínese como practicante da fotografía de rúa. Gústalle deambular polas rúas co propósito de anticiparse ó suceso, sendo o seu obxectivo prioritario retratar á xente na súa paisaxe urbana e hábitat natural.

A súa vocación pola fotografía nace de maneira casual a finais dos anos 80, despois de distintas viaxes ó estranxeiro, ó observar o contexto urbano das súas fotografías e, sobre todo, a atmosfera das cidades e as súas xentes, as cales aparecen como protagonistas sen ser algo premeditado.

Esta exposición é, sen dúbida, un claro exemplo de tipo de fotografía que caracteriza ó autor, a fotografía de rúa, dándolle visibilidade ó cotián e destilando especial interese por captar á xente, por encadrar as súas expresións, a súa mirada e os seus xestos corporais.

Unha persoal mirada que ten como única pretensión reflectir escenas de persoas na súa vida vida cotiá, cun aceno a unha sociedade e a un pobo fiel a uns arraigados costumes e tradicións.

Esta mostra é un retrato que dá visibilidade, a través de imaxes amables, a outra cultura e a outra atmosfera que, dalgunha forma, pode situar ó espectador nun contexto que o faga partícipe das mesmas curiosidades do autor por outras sociedades e formas de vida.

Árabes, bérberes, zenetes, beduínos ou amaziges son algúns dos protagonistas dunha retrospectiva que fai un recorrido desde os pequenos pobos das montañas do Rif ata as aldeas dos vales do Atlas, dende as cidades milenarias de Marrocos e Túnez ata o Sáhara e a fronteira de Libia.

31 de marzo de 2015 | 10:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.