Unha exempregada de Crespo rexeita irregularidades en cursos de formación
Unha das exempregadas do empresario Gerardo Crespo, imputada xunto a unha trintena de persoas na ‘Operación Zeta’, rexeitou irregularidades nos cursos de formación, durante a súa declaración ante a titular do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña, segundo fontes xurídicas consultadas.
No xulgado, estaban citadas a declarar este martes tres persoas, todas elas exempregadas do empresario coruñés Gerardo Crespo, imputado pola suposto fraude en cursos de formación para obter subvencións públicas.
Entre as tres exempregadas, atopábanse a antiga directora financeira, que se negou a declarar, e a que foi directora da área de formación.
Esta última argumentou que se facían os cursos de formación e que realizaban tamén as oportunas inspeccións, negando que se xustificasen ante as administracións actividades que non se facían para obter subvencións.
30 IMPUTADOS
No marco desta investigación, están imputadas un total de 30 persoas por suposto fraude en cursos de formación para obter subvencións públicas.
Inicialmente imputouse a sete persoas, entre as que atopaban o empresario coruñés Gerardo Crespo; o presidente de Caype, Eliseo Calviño e o seu homólogo da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) Francisco Javier Pérez Bello, aos que se sumaron, posteriormente, outros 23.
Entre eles, están o exdirector xeral de Traballo Odilo Martiñá Rodríguez e outros dous excargos da Xunta, o que foi xefe territorial desta Consellería na Coruña e exdirector da área de Servizos Provinciais da Deputación coruñesa, Luis Alberto Álvarez Freijido, e o exxefe de Servizo de Emprego da Xunta, Joaquín Vila Sampayo.