Unha delegación da Xunta visita Perú para asesorar en materia pesqueira, marisqueira e acuícola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Unha delegación Xunta visita Perú para asesorar a este país en materia pesqueira, marisqueira e acuícola. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro; a directora xeral do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Covadonga Salgado, e a directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda, realizarán esta semana nas cidades de Lima e Piura diferentes visitas e protagonizarán diversos obradoiros de intercambio de experiencias destinados a representantes do Organismo Nacional de Sanidad Pesquera (SANIPES).

Esta estancia realízase a petición do goberno peruano e dá continuidade á visita realizada en febreiro polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que estreitou lazos con este país andino cun convenio de colaboración en pesca e acuicultura.

Esta mañá os tres cargos da Consellería do Medio Rural e do Mar mantiveron unha xuntanza coa directora executiva do Organismo Nacional de Sanidade Pesqueira (SANIPES), Diana García Bonilla. Ademais hoxe o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, protagonizará unha acción formativa sobre inspeccións de concesións acuícolas, os estudos sanitarios destas zonas e as estacións de monitoreo. A maiores, directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, será a encargada de explicar aos funcionarios da administración peruana o proceso cara á inspección sanitaria das embarcacións de pesca artesanal en Vigo.

Por outra banda, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, encargarase da parte de explicación e asesoramento sobre os sistemas de control de biotoxinas e sobre os controis que realiza o Intecmar en Galicia. Hoxe protagoniza dous obradoiros: un sobre os ensaios de control oficial de moluscos na Unión Europea e outro sobre a trazabilidade dos moluscos.

Mañá, o secretario xeral do Mar e a directora do Cetmar, Paloma Rueda, visitarán con representantes de SANIPES o Desembarcadero Pesqueiro Artesanal DPA-Callao e a empresa pesqueira Diamante. Ademais, a directora do Intecmar protagonizará distintos talleres de intercambio de experiencias relacionados co método oficial na Unión Europea de detección de biotoxinas e co método de bioensaio.

O xoves, o secretario xeral do Mar e as directoras de Intecmar e Cetmar manterán unha xuntanza con empresarios vecellados ao ámbito marítimo-pesqueiro da zona e outra co Viceministro de Pesquería do Ministerio de Produción do Perú, Juan Carlos Requejo, e o venres visitarán a cidade de Piura para coñecer a trazabilidade da cuncha de abanico, entre outros aspectos.

24 de marzo de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.