publicidade hoxe

Un total de 452 persoas participarán na primeira carreira popular “Pilar Barreiro Senra” de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLousame
A-
A+

Un total de 452 corredores de toda Galicia participarán este domingo 29 de marzo na primeira carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que organiza o Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, amosouse moi satisfeita coa alta participación rexistrada “sobre todo tendo en conta que somos un concello pequeno, que a organización dunha proba destas características supón un esforzo moi importante para nós e que ao final conseguimos reunir a máis de 450 persoas na nosa primeira edición”.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, este domingo correrán en Lousame un total de 452 corredores: 131 pertencentes ás categorías escolares (pitufos, prebenxamíns, alevíns e infantís) e 321 da categoría absoluta, entre os que se atopan figuras importantes do atletismo galego, que levarán os primeiros dorsais da proba como:

1. Pilar Barreiro Senra, madriña da proba (Lousame, 1971). 6 veces Internacional Absoluta coa Real Federación Española de Atletismo, 5ª mellor marca española de todos os tempos en 800 metros lisos, campioa de España en 800 metros lisos ao Aire Libre e en Pista Cuberta…

2. Marcos Mayo (Lousame. 1979). Campión do circuíto galego Duatlon Cross 2015, campión do circuíto Aviaducross 2015 e primeiro clasificado nos duatlón cross de Ribadumia, Vimianzo, Beariz e Poio.

3. María Xesús Gestido. Dobre campioa de España de Maratón, varias veces campioa galega de Cross, 10000 e 5000; gañadora da media Maratón Vigo-Baiona 2013 e Negreira 2014, 5º e 6º no campionato de España Cross corto 2008 e 2009.

4. Raquel Suárez Pedrosa. (Santiago, 1982).

5. Víctor Riobó. Santiago, 1980. 4 veces internacional absoluto 800 e 1.500 metros lisos, subcampión Iberoamericano 1.500 metros lisos, campión de España de Milla en Ruta (2012), subcampión de España de Milla en Ruta nos anos 2013 e 2014…

6. Robertas Geralavicius. (Lituania)

7. Esther Pedrosa Carrete (Santiago, 1961). Campioa de España de Gran Fondo 20 Km (1986), subcampioa de España de 10.000 metros (1986, 1987, 1995) e 3.000 metros pista cuberta (1989 e 1990), subcampioa do mundo Cross (2014), bronce no campionato do mundo de 3.000 metros en pista cuberta (2014), campioa de Europa Master 50 de Cross (2013) e subcampioa en 3.000 metros pista cuberta (2013), campioa de España de 3.000 metros en pista cuberta Master 50 (2012, 2013 e 2014), campioa de España de media maratón Master 50 (2014), campioa de España de 5.000 metros ao aire libre Master 50 e dos 10 kms Ruta (2013 e 2014)….

8. Ezequiel Mosquera Míguez. (Teo, 1975). Ex-ciclista galego que conseguíu o segundo posto da Volta Ciclista a España de 2010, así como victorias de etapa en distintas probas por todo o territorio nacional.

Horario

A praza Teodomiro Hidalgo será o eixo central da proba, pois será onde os participantes deberán recoller os seus dorsais (entre as 9:00 e as 11:45 horas) e, dende a categoría infantil en adiante, un chip identificador que deberán colocar nas súas zapatillas antes da saída. Dende a organización lembran que este domingo 29 de marzo é o cambio de hora, polo que hai que adiantar unha hora os reloxos pois ás 2:00 horas serán as 3:00 horas.

As probas escolares darán comezo ás 10:20 horas coa categoría Pitufo (nados en 2011 e posteriores) que farán un percorrido de 100 metros. Ás 10:35 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2008 e 2010), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2006-2007) e alevíns (2004-2005) sairán ás 10:45 para percorrer unha distancia de 1.000 metros. Ás 11:00 horas tomarán a saída os infantís (2002-2003) e os cadetes (2000-2001), cun percorrido de 3,5 kms; mentres que ás 11:15 horas sairán os xuvenís (1998-1999) para realizar un circuíto de 5 kms. A proba xeral sairá ás 12:00 horas para percorrer 10 quilómetros.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a alevín, así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba. Os atletas da proba xeral tamén terán dereito a un avituallamento líquido a metade da carreira.

26 de marzo de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.