Un total de 29 concellos da delegación de Pontevedra contarán con novo equipamento de Protección Civil

Entrega do material
A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, destinará máis de 713.000 euros a renovar o equipamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil dependentes dos concellos da área da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para a súa utilización en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias.
Así o anunciaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nunha rolda de prensa ofrecida para dar conta deste investimento, que en toda Galicia superará os 4,5 millóns de euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento (FEDER).
Na súa intervención, Menor destacou o esforzo inversor do Goberno galego para dotar ás agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos recursos e material necesario para desenvolver o seu labor, mellorando a prestación do seu servizo á cidadanía. Así, explicou que os responsables deste departamento autonómico mantiveron reunións coas asociacións provinciais de voluntarios para coñecer, de primeira man, as súas necesidades máis prioritarias e acordar un sistema de reparto axeitado, polo que se tratará de atender practicamente todas as peticións.
En total, 154 concellos de Galicia recibirán algún tipo de material que se distribúe da seguinte maneira: 42 vehículos todo terreo tipo pick-up, 41 vehículos furgóns para transporte e loxística, 40 remolques para a atención ás emerxencias, 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, 33 esparexedores de sal, e 20 remolques con carpa presurizada para Posto de Mando Avanzado. Polo que se refire á área da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, foron 29 os concellos que presentaron solicitudes para optar a este equipamento
Ademais da adquisición de material para as agrupacións de Protección Civil, o departamento autonómico tamén levou a cabo a compra de novo equipamento para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) creados hai dous anos. Trátase de 31 detectores de gases tóxicos e atmosferas explosivas que poidan xerarse no transcurso dunha emerxencia. Á provincia de Ourense correspondéronlle 6 detectores e o director xeral de Emerxencias e Interior fixo hoxe a súa entrega aos responsables dos GES que existen nesta área territorial: Baixo Miño, Ponteareas, Caldas-Cuntis, Tabeirós-Terra de Montes, Deza e Sanxenxo.











