publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 18 hectáreas de terras en Rábade son recuperadas con cultivos ecolóxicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRábade
A-
A+

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisou este martes os traballos desenvolvidos en Rábade para poñer en produción con cultivos ecolóxicos 18 hectáreas de terreos grazas ao plan de recuperación de terras abandonadas activado pola Deputación de Lugo co fin de impulsar o sector agrogandeiro. As actuacións están sendo executadas pola explotación rabadense Volva ó Sacho, dedicada á produción agroecolóxica, que recibiu para elo unha axuda provincial de 9.000 euros.
 
Álvaro Santos destacou que “con esta iniciativa impulsamos o sector primario que, en Lugo, representa o 10,9% do PIB total en Galicia, superando os 6.648 millóns”. “Axudamos ás explotacións a aumentar a súa base territorial e mellorar deste xeito a súa rendibilidade”, explicou. O responsable de Cooperación cos Concellos valorou tamén que “Volta ó sacho  vai máis alá”, pois o modelo de explotación destes terreos é agroecolóxico.

Santos Ramos lembrou que “a provincia de Lugo aglutina máis do 42 % da superficie total de agricultura ecolóxica en Galicia” e que “este sector en auxe move, ao ano, máis de 21 millóns de euros, dos que preto de 9 representan á provincia de Lugo”. O volume de negocio da agroecoloxía aumentou na última década ao redor do 27% o que demostra que “o modelo de negocio responsable co medio que nos rodea é, sen dúbida algunha, un dos camiños de futuro para o desenvolvemento económico da provincia” sentenciou o Deputado.

A través deste programa de axudas en impulso do medio rural, Volta ó Sacho recuperou 180.000 m2 de terras abandonadas, que agora se están a aproveitar para produción de verduras, hortalizas e cereais, que serán posteriormente comercializadas co selo ecolóxico. Os responsables desta explotación, ao igual que a Deputación de Lugo, consideran que estes modelos de negocio medioambientalmente sostibles “son a unha vía de futuro sólida para frear o paro e recuperar poboación”.

Volta ó Sacho é unha explotación que colabora a cotío con Grupos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela; así como co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) ou outras asociacións deste eido a nivel estatal.

Terras abandonadas
Tras a experiencia pioneira do pasado ano, a Deputación convocou de novo neste 2015 as axudas encamiñadas a recuperar terreos baldíos con actividades agrícolas ou gandeiras. Estas axudas están dirixidas a gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie. As plantacións forestais non están subvencionadas e a axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario un máximo de 9.000.

Outras liñas de apoio ao sector primario
Aparte das axudas á recuperación de terras abandonadas, o plan deste ano conta con outras 6 liñas máis de actuación: axudas á produción de horta, para a instalación de novos invernadoiros ou a reparación e mellora dos xa existentes; axudas a viñedos, coas que se subvenciona a reconstrución e traballos de conservación de muros de pedra; impulso de pesca de baixura, co fin de mellorar as embarcacións dedicadas á pesca de baixura con base en calquera dos 8 portos da Mariña; traídas de auga; centros sociais; e, por último, axudas para o arranxo e sinalización de vías e camiños públicos, e outros servizos de uso comunitario.

17 de marzo de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.