Un mercado promoverá o talento das mulleres creativas de Monforte
Volve Muller Creativa a Mercados de Monforte, este ano ademais coincidindo co día Internacional da Muller. Doce mulleres creativas darán a coñecer o seu talento no próximo mercado da Praza de Abastos. A organización garante que haberá sorpresas, xa que os traballos que se presentan son de calidade e moi innovadores.
As persoas que visiten o mercado descubrirán novas técnicas decorativas, poderán admirar traballos artísticos en pintura ou ilustración gráfica, probarse e mercar bixutería sorprendente, ou coñecer as posibilidades que ofrece a reciclaxe, unha técnica moi demandada en tempos de crise.
A Feira Medieval está próxima e neste mercado poderase elixir e encargar o traxe que mais se axute ós nosos gustos ou incluso maquillarse e peitearse a prezos moi especiais.
O mercado contará cun espazo adicado á creación audiovisual no que a responsable de Némesis Creacións mostraranos os seus últimos traballos.
Este é un mercado que prentende se divertido, un lugar de encontro e intercambio, tanto para as participantes como para as persoas que nos visiten e, sobre todo, un acto de apoio ó talento creativo da muller monfortina.
A pintora Sara Álvarez porá en marcha dous talleres de gravado, un celebrarase o sábado de 17:00 a 20:00 h, e outro o domingo pola mañá, de 12:30 a 14:00. A inscrición é gratuita pero a participación limitarase ás primeiras doce persoas que se anoten o sábado pola mañá, xa que en cada obradoiro só poderán participar seis persoas.
O sábado, de 12:30 h a 14:00 h, a pianista Antoaneta Gruva animará o inicio deste mercado coa interpretación de varias pezas.
Algunhas das paricipantes ofrecerán descontos especiais con ocasión deste mercado.