Un Alberto Corbacho de récord no Quinteto da Xornada
O xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Alberto Corbacho, foi incluído no Quinteto da Xornada da Liga Endesa como representante do apartado “Eficacia” tras a súa actuación ante o Gipuzkoa Basket.
O aleiro mallorquino ademais, rompeu dúas marcas persoais, a de anotación nun partido, con 32 puntos, e a de triplos, anotando un total de oito tiros dende a liña de 6.75 metros. Completou a súa actuación con 3 rebotes e 2 asistencias, sumando 33 de valoración, aínda que todo iso non serviu para que os obradoiristas se levasen a vitoria por moi pouco.
Corbacho confésase “moi satisfeito con estes datos, aínda que agora toca tratar de superalos acompañados dunha vitoria”. O xogador asegura que o obxectivo primordial nunca é un mesmo: “Neste deporte o importante é o colectivo e trátase de gañar ou perder todos xuntos, sen importar de quen sexa un bo ou un mal día,”.
Tamén aproveita para felicitar á afección santiaguesa polo premio Gigantes que acaba de lograr, “máis que merecido por todo o que nos achegan cada día. O noso traballo sen eles non sería o mesmo”.
Sen demasiado tempo a relaxarse, o aleiro volverá mañá ao traballo semanal cos seus compañeiros para tratar de superar o UCAM Murcia (sábado, 20.00 horas).











