Ultímanse as probas piloto do Plan de transporte metropolitano da área de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRedondela
A-
A+
Proba piloto en Redondela

Proba piloto en Redondela

A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, supervisou hoxe as probas piloto que se realizan nos autobuses, co fin de pór en marcha de forma inminente o Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo. De Lucas subliñou que se trata dun Plan moi beneficioso para todos os veciños desta comarca e de maneira destacada para os veciños de Redondela, que é probablemente un dos concellos que mantén unha relación máis intensa coa cidade cabeceira, e polo tanto, con maior intercambio de desprazamentos.

A responsable de transportes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, destacou que o Goberno galego quere que os habitantes da área metropolitana de Vigo poidan gozar canto antes deste programa que supón descontos medios de ata 600 euros ao ano nos desprazamentos metropolitanos.

Helena de Lucas insistiu en que para conseguilo se está a traballar con intensidade en todas as frontes, facendo probas piloto dos dispositivos de pago nos autobuses, as canceladoras que se están a instalar xa tamén nos barcos; comprobando o bo funcionamento do sistema de recarga das tarxetas de transporte metropolitano; e pechando os acordos coas compañías de transporte marítimo, as navieiras, que se incorporan por primeira vez en Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano. En concreto, a directora xeral indicou que esta semana faranse tamén as probas piloto nos barcos que permitirán unha auténtica intermodalidade no transporte metropolitano da área de Vigo.

Beneficiar os cidadáns

Para a Consellería de Medio Ambiente é preciso activar toda a engrenaxe que fará posible que a finais do vindeiro mes de abril o Plan de Transporte Metropolitano estea funcionando, o que beneficiará a preto de medio millón de persoas desta comarca, una zona que demanda melloras na súa mobilidade ás que a Xunta daralle resposta, non só con este plan, senón tamén actuando no eido das infaestruturas.

Así, hoxe mesmo, poderemos ver feito realidade o compromiso do Ministerio de Fomento coa posta en marcha do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e da nova estación de Urzáiz, na que a Xunta demostra que está avanzando para facer dese espazo un auténtico centro intermodal para os distintos sistemas de transporte.

30 de marzo de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.