Turismo de Galicia investiu 120 mil euros no acondicionamento do Camiño no seu paso por Triacastela
Turismo de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer o Camiño de Santiago, facendo labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos diversos tramos do Camiño.
Neste senso, Turismo de Galicia levou a cabo unhas obras de acondicionamento do Camiño de Santiago no seu paso polo concello de Triacastela valoradas en preto de 120.000 euros.
Estas melloras buscan facer a Ruta Xacobea totalmente transitable eliminando os puntos de difícil paso xerados especialmente polo paso da auga e polo uso dos camiños por maquinaria pesada.
Concretamente esta intervención incluíu a apertura e limpeza de foxos e pasos de auga con rasanteo do firme, a execución de pasos de auga en “V” realizados en pedra granítica para facilitar a evacuación das augas e o pavimento artificial estabilizado con cemento para evitar un deterioro do firme, principalmente nas zonas de maior pendente.
Cada ruta do Camiño ten as súas peculiaridades singulares non só paisaxísticas senón tamén orográficas, de trazado, polo que estas actuacións de acondicionamento e todas aquelas levadas a cabo adáptanse ás súas peculiares características. Así mesmo, as obras realízanse respectando sempre as condicións do camiño coma o seu ancho ou os valores tradicionais. Ademais manteñen a coherencia coas obras realizadas anteriormente, procurando sempre o menor impacto visual posible.
Un 46% máis de peregrinos
A finalidade destas intervencións é potenciar, protexer e conservar o Camiño de Santiago que cada ano recibe miles de peregrinos.
No que vai de ano, recolleron a súa Compostela na Oficina do Peregrino de Santiago un total de 7.030 peregrinos, 2.224 peregrinos máis que no mesmo período do pasado ano, o que supón un incremento de máis do 46%.