Traballo promove os produtos cooperativos nun obradoiro do fórum gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consello Galego de Cooperativas, está a amosar o potencial da fórmula cooperativa no Fórum Gastronómico A Coruña’ 2015 que se celebra estes días en ExpoCoruña. A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, presentou hoxe o obradoiro de produtos cooperativos ‘Calidade, diversidade e sabor de orixe’ no que se elaborou un menú con produtos procedentes unicamente das cooperativas que se poden coñecer no stand do Consello Galego de Cooperativas.

Bouso destacou que o Consello Galego de Cooperativas está presente no Fórum para difundir os valores do cooperativismo como fórmula de autoemprego, equidade e competitividade empresarial. A responsable da área autonómica resaltou que as cooperativas participantes no evento están a promover a súa imaxe, ao tempo que consolidan os seus contactos e acceden a novas oportunidades de negocio. Neste eido, a directora xeral apuntou que o cooperativismo permite afrontar “con maiores garantías certas dificultades propias de calquera proxecto empresarial” e destacou que en Galicia o sistema empresarial cooperativo se presenta como “unha das mellores fórmulas” para emprender un negocio na actualidade. “Mostra diso é o crecemento significativo que se rexistra cada ano, co nacemento de novas cooperativas e, polo tanto, coa creación de numerosos postos de traballo directos e indirectos”, indicou.

Neste senso, a directora xeral sinalou que os datos demostran o éxito das cooperativas explicando que a Consellería de Traballo e Benestar xa ten rexistradas 1.240 cooperativas, que suman máis de 90.000 socios e socias e xeran máis de 18.000 postos de traballo directos. Resaltou, así mesmo, que entre 2007 e 2014 creáronse en Galicia máis de 400 cooperativas, das que seguen activas un 92,6%. Indicou, ademais, que a boa evolución desta fórmula colleu pulo no sector agroalimentario, no que na actualidade operan máis do 33 por cento das entidades. Para rematar, Bouso agradeceu a presenza ás cooperativas participantes no Fórum Gastronómico

No stand das cooperativas galegas amosan unha selección dos seus mellores produtos as seguintes entidades cooperativas: Biocoop (carne de tenreira ecolóxica); Monte Cabalar (carne de poldro, chourizo de “porco celta”); Campo Capela (requeixo, queixo e manteiga); Condado Paradanta (queixo e mel); Jesús Nazareno (viño); Adegas Eidosela (viño); Viña Moraima (viño); Virxe das Viñas (viño); Granxa O Cancelo (leite e xeados); Vicogalo (galo celta, pularda celta e ovos); Frugal (froitas deshidratadas); Milhulloa (grelos deshidratados, especias); Pulponor (polbo de lonxa); O Canto da Balea (peixe e marisco) e Artesáns da Pesca (pesca do día).

No stand degustáronse pratos como o ourizo de manteiga con tosta de pan negro, chourizo de porco celta e straccitaella de grelos con caldo e ovos de galo celta de Mos; lomiño de xurel de anzol e polbo da costa con patacas e finas herbas da Ulloa; pancha en tempura crocante fina con maionesa de curry; hamburguesiña de tenreira galega con concentración de mencía e cebola agridoce; xeado artesá e escumoso de requeixo con pera, mazá e piña deshidratada e mel; e viños brancos e tintos con denominación de orixe.

17 de marzo de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.