Traballo inviste 1,5 millóns de euros en Ourense para que 58 concellos poidan contratar a 200 perceptores da Risga

Beatriz Mato presentou en Ourense as características da actuación
A Consellería de Traballo e Benestar investirá nos concellos de Ourense 1,5 millóns de euros, o que permitirá que un total de 58 localidades poidan contratar a máis de 200 perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) no marco da orde de axudas que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mes de xaneiro e á que se destinou en toda Galicia un total de 10 millóns de euros, o dobre que o ano pasado, cando se publicou por primeira vez esta liña de subvención de maneira pioneira.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentou hoxe en Ourense as características desta actuación, destacando que este orzamento permite que a totalidade dos concellos galegos que solicitaron esta axuda e que cumpran cos requisitos marcados na orde recibirán a subvención. En toda Galicia, os concellos beneficiados serán preto de 210, o que permitirá a contratación dun millar de persoas.
Mato resaltou que unha das provincias máis beneficiadas desta liña de axudas é a de Ourense, xa que os concellos beneficiados aumentan en 32 en comparación co ano pasado e o orzamento e o número de contratos en case un cen por cento con respecto a 2014. Na cidade de Ourense, os beneficiarios serán 20 perceptores da RISGA para o que Traballo destinará preto de 141.000 euros.
Dado os resultados positivos do ano pasado-cando se beneficiaron destas axudas máis de 600 traballadores e traballadoras en risco de exclusión social e 120 concellos de toda Galicia e unha mancomunidade-, este exercicio, segundo explicou a titular de Traballo, introducíronse novidades co fin de chegar ao máximo de persoas posibles. Por iso ampliouse o orzamento e abriuse o abano de beneficiarios, ao eliminar o requisito de ter unha antigüidade de 6 meses como perceptor da RISGA.
A conselleira sinalou, así mesmo, que o obxectivo desta actuación é “seguir dando pasos en firme cara unha inclusión activa”, e, ao mesmo tempo, “loitar contra a cronificación das situacións de risco”. Neste senso, subliñou que este programa permite aos seus beneficiarios acceder a un posto de traballo, cun contrato de sete meses de duración e, polo tanto, adquirir unha experiencia profesional.
Os beneficiarios serán contratados polos concellos, deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e seguirán tendo preferencia aquelas persoas que estean comprometidas coa realización dun itinerario sociolaboral, así como aos que contan con cargas familiares. Ademais, a maioría dos contratos realizaranse polo 75% da xornada laboral –a orde recolle entre un 50 e un 75%-, para que os beneficiarios disfruten da xornada máxima permitida. Todos os contratos deberán estar vinculados á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, que serán decididos polos propios concellos. A Consellería, ao igual que o ano pasado, volverá sufragar o total dos custes salariais dos traballadores, incluída a cotización á Seguridade Social.
Así, Mato destacou que a colaboración entre Xunta e concellos é fundamental para poñer en marcha programas, servizos e recursos da Consellería. “Desde o Goberno galego seguimos a fomentar esta cooperación directa e a abrir novas vías de colaboración”, subliñou.
Formación dual e obradoiros
Nesta liña de coordinación coas administracións locais, Mato lembrou que outra das liñas de axudas é a formación dual para os concellos que se puxo en marcha en forma de experiencia piloto o pasado ano. A formación dual ofrece contratos para menores de 30 anos en situación de desemprego, asociados a unha actividade formativa dun mínimo do 25 por cento da xornada laboral, e cun salario acorde ao convenio colectivo. Neste programa participaron o ano pasado en Galicia 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade. O investimento da Xunta foi de 600.000 euros, tanto en incentivos á contratación, como en financiamento da actividade formativa por riba do mínimo do 25%.
Mato resaltou que a provincia de Ourense foi a que máis apostou pola participación nesta experiencia. En concreto, tomaron parte 14 concellos e unha mancomunidade, o que supuxo máis do 70 por cento do total de entidades locais participantes. A titular de Traballo anunciou que nos próximos días publicarase unha nova convocatoria desta orde que busca consolidar este programa. Contará cun orzamento de 2,65 millóns de euros, dos que 1,3 millóns corresponderanse para a contratación nas entidades locais.
Así mesmo, a conselleira referiuse ás axudas para obradoiros de emprego. A Xunta destinou en 2014 un total de 2,3 millóns de euros a 13 obradoiros na provincia de Ourense, que beneficiaron a un total de 31 concellos e unha mancomunidade. En total, chegaron a máis de 260 persoas desempregadas.
En definitiva, a conselleira indicou que o principal obxectivo de todas estas liñas de axudas é dar resposta ás persoas que máis o necesitan. “O noso compromiso é total cos galegos e galegas que están a atravesar unha situación de risco de exclusión ou de vulnerabilidade”, rematou.