Traballo financiou con 130.000 euros o programa de emprego ‘Integra VI’ de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 130.000 euros ao programa integrado de emprego ‘Integra VI’ de Vigo no que participaron un total de 100 menores de 30 anos, na súa maioría con baixa cualificación. Esta actuación acadou que o 45% dos seus participantes atoparan un posto de traballo. Así o destacaron a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, na entrega de diplomas.

Entre as accións que se impartiron destacaron cursos de operacións básicas de restaurante bar, operacións básicas de cociña, prevención de riscos laborais e manipulador de alimentos. Parte desta formación impartida é certificable no ramo da hostelería.

Díaz López explicou que os programas integrados de emprego son medidas activas de emprego, que buscan a inserción laboral dos participantes a través dun tratamento integral. Deste xeito, combinan distintas accións como a orientación e o asesoramento, a formación, a práctica laboral e a mobilidade xeográfica.

Establécese, nestes programas, que o obxectivo de inserción laboral será, como mínimo, do 30 ou do 35 por cento. En xeral, os destinatarios destas actuacións son persoas desempregadas, preferentemente preceptoras de prestacións ou subsidios e, maioritariamente, colectivos de difícil inserción no mercado laboral.

A directora xeral sinalou que os programas integrados para o emprego contan este ano cun orzamento de 5,7 millóns para beneficiar a 2.000 persoas. Como principais novidades nesta convocatoria para o período 2015-2016, que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), créase un tipo de programa integrado de emprego específico para persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) no que os custes subvencionables por participante serán máis altos (3.000€, fronte aos 2.400 dos programas ordinarios).Priman, ademais, os proxectos de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal e acadar unha xestión máis eficaz no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego subvencionados.

Ademais, a duración dos programas para 2015-2016 amplíase e establécense sempre por un período de 12 meses o que garantirá a atención completa das persoas participantes e o cumprimento dos compromisos de inserción. Os programas terán que incluír de xeito obrigatorio accións de carácter formativo e de intermediación laboral, e establécense obxectivos cuantitativos de inserción laboral das persoas demandantes de emprego participantes neles que non poderán ser inferiores ao 30% persoas participantes, ou ao 25% para o caso de persoas titulares da renda de integración social de Galicia. Cada proxecto terá unha duración de 12 meses.

26 de marzo de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.