Traballo e Benestar destinou 146.000 euros a tres cursos na Unidade de Acción Formativa de Monforte
A delegada territorial, Raquel Arias, entregou hoxe en Monforte os diplomas dos cursos incluídos no programa de Accións Formativas para Desempregados que se impartiron na Unidade de Acción Formativa de Monforte.
En concreto foron tres cursos os desenvolvidos neste centro de formación ocupacional dependente directamente da Consellería de Traballo e Benestar. “Todos eles únicos na provincia de Lugo e, por conseguinte, moi especializados”, segundo salientou Arias, quen tamén adiantou que volverán a incluírse na programación que está prevista para o presente ano.
Trátase dun curso de horticultura e floricultura de 600 horas de duración; outro, de 480 horas, sobre actividade de floraría e un terceiro centrado en traballos de carpintería e moble de 300 horas. Á estas propostas formativas, dirixidas a persoas desempregadas, a Xunta destinou 146.008,5 euros. Aínda que inicialmente participaban da iniciativa 41 alumnos, hoxe recibiron o preceptivo certificado 35 persoas.
Este tipo de cursos, segundo explicou a delegada territorial, teñen como obxectivo a reciclaxe dos traballadores que se atopan desempregados para que, canto antes, poidan acadar a súa reinserción no mercado laboral. “É por esta razón pola que se fomentan accións formativas nos sectores que presentan unha maior capacidade para xerar emprego por conta allea ou autoemprego e que cumpren ademais o fin de mellorar ou reorientar a cualificación profesional dos que participan nelas”, explicou.
Oferta formativa
A provincia de Lugo conta con tres centros de formación ocupacional directamente dependentes da Consellería de Traballo e Benestar situados, ademais de en Monforte, en Lugo capital e Viveiro.
No presente exercicio está previsto que acollan unha quincena de cursos, cun custe que roldará o millón de euros, dos que boa parte deles darán comezo ó longo deste mes de marzo.











