Traballo e Benestar concédelle o sexto Obradoiro de Emprego a Mos
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, informaron de que lle foi concedido ó Concello un novo Obradoiro de Emprego por parte da consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que é xa o sexto dos que se veñen desenvolvendo na localidade mosense.
O novo Obradorio de Emprego levará por título Mellorar-MOS e ten un obxectivo fundamentalmente ambiental que pretende a revalorización de espazos públicos do municipio destinados ao esparcemento social e a mellora de espazos e zonas verdes do Concello, entre eles a Capela de San Amaro, na parroquia de Petelos, e o seu contorno, os xardíns de San Eleuterio, o Parque Municipal de Torroso, o contorno do Pavillón Óscar Pereiro, a Avenida de Sanguiñeda e rotondas da Costilleta e das Angustias, a rotonda das Leiteiras en Dornelas e o Contorno do Multiusos das Pozas, tamén en Petelos. Tamén se realizarán labores de reposición de mobiliario urbán no Parque de Costoias (Tameiga), nos dous parques de Cela tanto no da Igrexa como no da Lagoa, e no contorno da Capela de San Amaro. As especialidades deste Obradoiro son: Construción – Pavimentación, Carpintería de Madeira e Xardinería. O Obradoiro terá unha duración de 6 meses é está destinado a 45 alumnos/as desempregados/as.
Ademais do novo Obradoiro de Emprego, Mos desenvolverá ó longo do presente ano 2015 unha política proactiva de emprego coa que atacar con forza á lacra do paro. O novo Obradoiro de Emprego, cursos AFD e o Plan Integrado de Emprego 3.0 son algunhas das accións previstas para este ano. Trátase da próxima batería de accións en materia de Formación e Emprego que se emprenderán dende a administración local mosense e cuxos pratos fortes serán, como se dixo, a posta en marcha dun novo Obradoiro Municipal de Emprego, a realización de varios cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) e un Programa Integrado de Emprego.
Trátanse de políticas activas de emprego enmarcadas baixo o lema ‘TraballaMos polo teu futuro’ e cuxa finalidade esencial é a xeración de máis ocupación no municipio, máis emprego estable e de calidade, e que, en consecuencia, aumente o benestar dos cidadáns.
As Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas Desempregadas, AFD, serán accións formativas programadas en base aos certificados de profesionalidade correspondentes, que inclúen formación teórica e práctica, e prácticas en empresas, que permiten aos alumnos/as o contacto directo coa empresa e mellorar a súa capacitación profesional. Os cursos que s elevarán a cabo son: Marketing e compraventa internacional, Xestión administrativa e financeira do comercio internacional, Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas, Administración e programación en sistemas de planificación de recursos empresariais e de xestión de relación con clientes, Atención a persoas dependentes no seu domicilio e Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG.
O Programa Integrado de Emprego MOS 3.0, irá dirixido a 90 persoas de colectivos específicos e contará con programas de formación ao abeiro de certificados de profesionalidade con prioridade na zona, programas de formación transversal (manipulación de alimentos, idiomas, …), etc.
A finalidade do Plan MOS 3.0 é a de establecer os itinerarios integrados de inserción da maneira máis adecuada aos perfís ocupacionais existentes e necesarios ou ofertados polo tecido empresarial, así como ser un instrumento activo e de acompañamento real dos usuarios/as e das empresas colaboradoras, para que teñan un só referente, e que este sexa efectivo e de calidade.
As accións que se desenvolvan estarán orientadas á mellora da ocupabilidade do colectivo de demandantes de emprego especificados. O proxecto terá unha duración de 12 meses.
Outras accións
Ademais desenvolveranse tamén outras iniciativas como é o Programa mixto de formación e emprego para maiores de 25 anos en desemprego. Este programa ten como obxectivo mellorar as competencias profesionais das persoas desempregadas participantes e obter unha experiencia profesional a través do traballo real en servizos ou obras de interese xeral.
Tamén se levará a cabo un Programa mixto de formación e emprego dirixidos á mellora da empregabilidade, a calificación e a inserción profesional dos xoves incluídos no ficheiro do Sistema nacional de Garantía Xuvenil (menores de 25 anos). Este programa ten como obxectivo mellorar a ocupabilidade das persoas de 18 ou máis anos e menores de 25 anos, ou en caso de persoas con discapacidade igual ou superior a 33% ata os 30 anos, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adqusición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estas persoas deberán estar inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil. No caso de que non estivesen inscritas, dende o Concello (Axencia de Colocación) poderán realizar este trámite. Así mesmo, o día 20 de abril, ás 11:00 horas, está programada na Axencia, unha charla e sesión de portas abertas sobre esta nova víade fomación e emprego, que é a Garantía Xuvenil.
Por último, o Concello de Mos solicitou tamén á Xunta unha axuda para desenvolver o programa Mos coa Mocidade que constaría de dúas actuacións: unha de dinamización sociocultural educativa infantil e xuvenil, na que se desenvolvería o programa formativo asociado a este certificado de profesionalidade. A través desta actuación os alumnos traballadores organizarían, dinamizarían e desenvolverían actividades de tempo libre educativo e cultural coa finalidade de promover a participación e aproveitamento do tempo libre e de ocio das familias do municipio, e do tempo educativo dos nenos e nenas. E a segunda sería unha actuación fundamentalmente ambiental, e estará dirixida á limpeza de espazos públicos abertos e zonas verdes e á xestión de residuos urbanos e industriais, coa finalidade de mellorar a organización, e revalorización e mantemento dos espazos públicos do municipio. Os espazos públicos que se mellorarían e revalorizarían serían en Puxeiros, Peinador, Sanguiñeda, Pereiras, os dous parques da parroquia de Cela, San Eleuterio e San Antoíño (Louredo).
As especialidades das que constaría este programa serían Seguridade e Ambiente, Xestión de residuos urbanos e industriais, Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, Servizos socioculturais e á comunidade, Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, Dinamización, programación e desenvolvemento de acción culturais, e Dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
Este Obradoiro tería unha duración de 6 meses é iría destinado a 30 alumnos/as desempregados/as.