publicidade hoxe

Traballo destinou máis de 7,2 millóns de euros para financiar 180 accións formativas na provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Beatriz Mato na entrega de diplomas

Beatriz Mato na entrega de diplomas

A Consellería de Traballo e Benestar destinou un total de 7,25 millóns de euros en 2014 para o financiamento de 179 cursos de formación para desempregados (AFD) na provincia de Lugo en 2014, que beneficiaron a preto de 2.700 alumnos.

Así o indicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no acto de entrega de diplomas aos alumnos que superaron os cursos de formación que se impartiron no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, dependente da Consellería.

Durante o acto, no que tamén participou a delegada da Xunta, Raquel Arias, a titular de emprego explicou que nestas instalacións impartíronse, en 2014, un total de 13 proxectos formativos, con 195 alumnos e un orzamento de 766.000 euros.

Neste sentido, Mato lembrou que desde 2009 financiáronse actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade e adiantou que en 2015 a práctica totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería van estar vinculadas á obtención dun destes certificados, “o que sitúa a Galicia á cabeza de todas as Autonomías” neste tipo de formación.

A titular de Traballo explicou que en 2015 en toda a Comunidade destinaranse un total de 40 millóns de euros, preto dun 20% máis que o pasado ano, para ofrecer formación a máis de 15.000 alumnos e alumnas, a través de cinco liñas de actuación distintas.

A primeira correspóndese coa orde de cursos para desempregados impartidos por entidades acreditadas, cun orzamento de 23,5 millóns de euros. En segundo lugar, as accións formativas nos centros propios da Consellería, que contan cun orzamento de 3,9 millóns. Ademais, increméntase nun 16% o presuposto do convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Orientación Universitaria co obxectivo de acadar o máximo rendemento dos centros de formación públicos, un convenio asinado o pasado martes e que alcanza este ano os 3,8 millóns de euros.

Por último, Mato destacou dúas novidades: por primeira vez publícase de forma individual unha orde de axudas para os alumnos e alumnas dos cursos de formación, con 4 millóns de euros destinados ao transporte, manutención, aloxamento e conciliación; e haberá unha axuda especial para as persoas con discapacidade, mulleres vítimas da violencia de xénero e persoas que seguen un itinerario personalizado de inserción.

Así mesmo, poranse en marcha dúas novas liñas de axudas, dotadas con 3,8 millóns de euros en total, para ofrecer formación en idiomas, TICs e certificados de profesionalidade aos participantes nos novos Plans de Emprego da Xunta: Garantía Xuvenil, dirixido a menores de 25 anos (2,48 millóns) e o Programa Activa, dirixido a parados de longa duración (2,3 millóns).

A titular de Traballo indicou que a este esforzo hai que engadir a oferta de obradoiros de emprego, na que no presente ano investiranse 15 millóns de euros, un 50% máis que o pasado ano, na posta en marcha de máis de 70 obradoiros, para 2.000 alumnos.

Formación dual en Lugo

Ademais, o departamento autonómico segue apostando por fomentar unha “colaboración estreita” cos concellos, tal e como demostra a posta en marcha de programas novidosos como o de formación dual para concellos, que ofrece contratos asociados a unha formación dun mínimo do 25% da xornada laboral.

Un programa que foi posto en marcha como experiencia piloto en 2014, e no que a provincia de Lugo estivo representada por 5 concellos (Palas, Cervo, Outeiro de Rei, As Nogais e Begonte), con 70 traballadores e un investimento de 220.000 euros, que supón case o 40% do total de Galicia (585.000 euros). Mato avanzou que nos próximos días vaise publicar unha nova orde, cun orzamento de 2,65 millóns de euros, destinada a consolidar este programa. Deles, 1,3 millóns corresponderán á contratación nas entidades locais.

Un 158% máis na contratación pola orde de RISGA

En 2014 tamén se puxo en marcha de forma pioneira unha orde de contratación para persoas perceptoras da RISGA. Na primeira edición dedicáronse 5 millóns de euros a este programa, que permitiron contratar a máis de 600 traballadores e, neste ano, dóbrase o investimento ata os 10 millóns para chegar a máis de 1.000 beneficiarios.

De feito, a provincia de Lugo vai ser a máis beneficiada do aumento desta última orde, xa que vai ser onde máis se incremente o número de contratacións: un 158% máis, pasando de 60 a 155. Isto quere dicir que se van a conceder a totalidade dos contratos solicitados polos concellos de Lugo. E, en consecuencia, tamén vai subir o orzamento deste programa en Lugo de forma moi significativa pasando dos 550.000 euros do ano pasado a máis de 1,3 millóns en 2015.

23 de marzo de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.