Traballo destinou 180.000 euros á formación de 20 persoas nun obradoiro de emprego conxunto entre os concellos de Fisterra, Cee e Corcubión
Un total de 20 persoas desempregadas participaron desde setembro no obradoiro de emprego Fisterra, Camiño do Solpor, que tamén inclúe aos concellos de Cee e Corcubión, centrado nas especialidades de xardinería e restauración da paisaxe e en confección e publicación de páxinas web. A iniciativa ofreceu aos alumnos o acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, proporcionoulles unha formación teórica e práctica de máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional.
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Fisterra, José Manuel Traba, de Cee, Zaira Rodríguez, e de Corcubión, Francisco Javier Lema, clausurou hoxe esta actividade na que o Goberno galego investiu preto de 180.000 euros. Na súa intervención, Do Campo subliñou que o certificado de profesionalidade “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos os participantes e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, tal e como xa o fixo con preto de 50.000 galegos e galegas desde 2009, e que permitirá ofrecer formación a 25.000 novos traballadores durante 2015.
Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Nesta ocasión, permitiu o acondicionamento e mellora de parques, xardíns e distintas zonas verdes dos tres concellos que se atopan na ruta de Santiago a Fisterra. Así mesmo, os alumnos elaboraron unha páxina web con toda a información sobre esta ruta xacobea.
A delegada territorial engadiu que se van seguir abrindo novas liñas de colaboración cos municipios, tal e como xa se fixo co novo programa de formación dual nos concellos, uns contratos deseñados para menores de 30 anos en situación de desemprego e que esixen que, como mínimo, o 25% da xornada se dedique á formación. Neste momento, 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual. A Consellería inviste 600.000 euros en financiar a parte formativa e incentivar a contratación.
15 obradoiros na Coruña
Por último, a máxima representante do Goberno galego na provincia lembrou que nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.
Explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano.