Traballo destinará preto de 300.000 euros a 40 contratos para perceptores de RISGA da Coruña

Beatriz Mato co alcalde da Coruña
A Consellería de Traballo e Benestar concederá ao Concello da Coruña un total de 40 contratos no marco da orde de contratación para persoas perceptoras da RISGA, posta en marcha o pasado ano de forma pioneira polo departamento autonómico, o que suporá un orzamento de preto de 300.000 euros. Isto permitirá a contratación por parte de Traballo, entre o ano 2014 e o ano 2015, de 80 persoas en risco de exclusión.
Dita orde, o ano pasado contou cun orzamento de 5 millóns de euros para a contratación de 600 persoas; e, neste exercicio, dobrarase ata os 10 millóns de euros e chegará a máis de 1.000 traballadores, o que permitirá conceder a totalidade dos contratos que soliciten os concellos de Galicia.
Así o salientou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; durante a clausura, d o terceiro obradoiro celebrado na cidade desde 2012, o ‘San Amaro II’, no que estivo acompañada do alcalde da Coruña, Carlos Negreira e no que o Goberno galego investiu 205.000 euros para beneficiar a 23 alumnos. Na súa intervención, Mato subliñou que estas iniciativas permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Nesta ocasión, permitiu o acondicionamento, mellora e limpeza do cemiterio de San Amaro e as zonas verdes que as rodean.
Un total de 73 persoas desempregadas participaron desde 2012 en tres obradoiros de emprego na Coruña, cunha inversión de 650.000 euros por parte da Consellería. A iniciativa ofreceu aos alumnos o acceso a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, proporcionoulles unha formación teórica e práctica de máxima calidade, vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional.
A titular do departamento explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano, un 50% máis que o ano pasado.
Beatriz Mato engadiu que se van seguir abrindo novas liñas de colaboración cos municipios, tal e como xa se fixo co novo programa de formación dual nos concellos, uns contratos deseñados para menores de 30 anos en situación de desemprego e que esixen que, como mínimo, o 25% da xornada se dedique á formación. Neste momento, 188 traballadores de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual. A Consellería inviste 600.000 euros en financiar a parte formativa e incentivar a contratación.











