Suspéndese a conferencia da xuíza Pilar de Lara prevista para o venres en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Debido a cuestións laborais da maxistrada e xuíza titular do xulgado de instrución nº 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, suspéndese a conferencia sobre “O delito de trata de seres humanos” que estaba previsto impartise este venres día 27 de marzo ás 19:00 h no Salón de Actos do Centro Cívico e Social do Paseo de Malecón.

A conferencia, organizada polo CIM en colaboración co Ilustre Colexio de Avogados de Lugo, aprázase ata que a axenda da maxistrada lle permita acudir a Monforte.

A pesares deste inconveniente, ó largo desta semana levaranse a cabo as outras actividades programadas pola concellería de Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Este martes día 24, ás 13:00 h. na Sala de Xuntas da Casa do Concello, celebrarase unha xuntanza de traballo cos e coas representantes da Comisión de Igualdade do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2013-2016. Esta comisión está encargada de darlle impulso, planificar e implementar as accións, así como de facer o seguimento e avaliación do II PIOM.

A Comisión de Igualdade é un órgano de carácter interdepartamental constituído a raíz da aprobación do II PIOM, que ten como finalidade garantir o cumprimento dos obxectivos do devandito Plan cun seguimento permanente da execución das medidas contidas no mesmo.

Por outra banda, o xoves día 26, continuando coa posta en marcha de accións que figuran no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2013-2016, impartirase unha xornada formativa sobre o uso non sexista da linguaxe na Administración. A xornada está dirixida ó persoal político e técnico do concello de Monforte de Lemos.

O obxectivo desta formación é impulsar unha mellor comprensión e coñecemento dos elementos que forman parte da linguaxe cotiá e dos compoñentes que fomentan a discriminación e a desigualdade entre xéneros, o que promove os roles e estereotipos tradicionais atribuídos a mulleres e homes.

A xornada desenvolverase durante dúas horas na Sala de Xuntas do Concello, de 13:00 a 15:00 h, e será impartida por Goretti Sanmartin Rei, profesora da UDC e integrante do Seminario de Estudos Feministas da UDC.

23 de marzo de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.