Suárez replica a anpa da Galiña Azul que recibiunos en catro ocasións no último mes
As críticas realizadas por membros da ANPAS da Escola Infantil Galiña Azul sorprenderon á concelleira de Servizos Sociais, Elena Suárez, por canto a asociación coñece de primeira man que o Concello está tramitando obras por importe de 10.000 euros que se executarán de forma inmediata no centro de Carril. A edil asegura que se reuniu en varias ocasións cos representantes do colectivo para informarlles disto, de que xa se está redactando o proxecto do arranxo do patio, así como dos prazos de tramitación, de aí que conclúa que a actitude destes pais non procede.
“O Concello está dando os pasos necesarios para resolver os problemas existentes, pero as cousas que fai a administración requiren uns trámites regulamentarios que deben cumprirse, por iso non é de recibo que sabendo o que se vai a facer e os prazos que se precisan, critiquen a labor do Concello sen darlle tempo a poder rematar”, comentou a concelleira.
Suárez Sarmiento lembra que mantivo catro ou cinco reunións coa ANPA para informarlles das xestións realizadas co Consorcio de Servizos de Benestar da Xunta, titular e xestora da escola Galiña Azul, para chegar a un acordo sobre a forma de financiar as reparacións necesarias. Nestes encontros tamén se falou das actuacións concretas a realizar e dos tempos.
Dada a situación e por afectar a un colectivo de especial atención como son os nenos, o Concello decidiu asumir o custe das actuacións a modo de pago anticipado que posteriormente se descontaría da súa achega ao Consorcio, xa que, de non facelo así, os arranxos tardarían moito máis en realizarse.
Resolto este asunto, pedíronse presupostos para as actuacións que se poden levar a cabo de xeito máis inminente, que son tres. Dous dos presupostos aprobáronse na Xunta de Goberno da semana pasada (venres, 13 de marzo), polo que as obras están a piques de comezar. Tratase dos traballos de canalización e evacuación de pluviais, que custarán 6.058 euros, e a instalación de protectores para columnas interiores do centro, cun orzamento de 428 euros.
A estas actuacións hai que engadir outra que tamén se realizará en moi breve espazo de tempo: a instalación dunha cúpula acristalada para evitar as filtracións da estrutura que protexe unha árbore dun pequeno patio interior decorativo. Xa se dispón de dous presupostos que se someterán á decisión da XLG da vindeira semana. O custe desta actuación oscila entre os 2.500 e os 3.700 euros.
En canto á obra de maior dificultade, a da reforma do patio exterior, a concelleira explica que a Oficina Técnica do Concello está redactando o proxecto, algo que coñece a ANPA que se reuniu en dúas ocasións co Arquitecto Municipal para abordar o asunto. Suárez engade que a asociación comprometeuse a aportar eles un proxecto alternativo para ver si o podía validar o Arquitecto do Concello, “e seguimos estamos esperando a que o traian”, sentenciou Suárez











