Sexualidade da man da Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A sexualidade abrirá o debate da XXXII Semana Galega de Filosofía, un debate que contará coas personalidades máis relevantes en materia de sexualidade do eido da filosofía, antropoloxía, socioloxía, psicoloxía entre outras disciplinas. O programa desenvolverase en Pontevedra do 6 ó 10 de abril e terá como sede o Teatro Principal de Pontevedra.

Eva Mouriño voceira da Aula Castelao de Filosofía para o evento, presentou esta mañá o programa no Parador de Pontevedra, explicando que “ás condutas relacionadas co desexo e o pracer sexual debemos anotar que a sexualidade non se esgota nunha dimensión individual da vida humana senón que implica acontecementos, institucións procesos e dinámicas sociais que tematizan, modulan e mesmo constrúen esas vivencias”. Esta reflexión na que se sustenta o programa fai precisa unha reflexión multidisciplinar para “pensar a realidade dunha maneira holística, que explique a un tempo o individual e o colectivo, o poder e a resistencia, o actual e o histórico”.

As xornadas de reflexións pretenden afondar na sexualidade para “buscar colectiva e publicamente as ferramentas teóricas, conceptos e teorías, que nos permitan non so explicala e entendela senón desvelar mecanismos de opresión e imaxinar dinámicas de liberación ou emancipación individuais e colectivas.”

Esta é a reflexión que Castelao quixo transmitir e que reflicte na lámina que a Aula Castelao de Filosofía escolleu para esta XXXII Semana Galega de Filosofía, na que queda patente que aínda o sexo non é unha cuestión individual senón que aínda no espazo íntimo “o estado, as institucións , algo supra-individual , digamos o social decide con nos”.

Co gallo de detectar as influencias e violencias do institucional e social o programa contará con voces que permitirán poñer de relevo a realidade de territorios da sexualidade históricamente estigmatizados, excluídos ou marxinalizados como sucede coas identidades defendidas polos colectivos LGBT, coa prostitución, etc.

Coma cada ano o programa desenvolverase en tres eixos que coincidirán temporalmente coas franxas de mañá, tarde e noite.

– Mañá: REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR da SEXUALIDADE. (Coordina Xoán Carlos Garrido). Este eixo desenvolverá os relatorios de maior contido e peso académico. Abrirá o debate o Profesor Efigenio Amezúa da Universidade de Alcalá, máximo expoñente da Sexoloxía en España e editor da Revista Española de Sexología. Estarán con el na reflexión José Antonio Nieto Piñeroba, Belén Castellanos Rodríguez, Elvira Burgos e Araceli Fuentes García-Romero.

– Tarde: A SEXUALIDADE VISTA DESDE GALICIA. (Coordina Montse Bragado). Un “ollar o escenario galego” articula as conferencias da tarde. Concentrará a súa atención en Galicia recorrendo cunha visión histórica o camiño que nos trai dende os mitos e tabús ancestrais, atravesando os feminismos e os actuáis movementos LGBT ata outras comprensións máis disidentes da sexualidade. Ilustrarán este ámbito Xosé Luis Garrosa Gude, Laura Bugalho, José López Riopedre, Ofelia Rey Castelao, e Maria Victoria Carrera.

– Noite: A SEXUALIDADE A DEBATE. (Coordina Ana Regueira) Coma cada ano as sesión da noite están trazadas cun perfil máis divulgativo e accesible, non por iso será o percorrido menos histórico xa que permitirá trazar unha ollada dende a sexosofía máis antiga os máis remotos factos da sexualidade africana pasando polos actuais discursos sobre os mercados do sexo. O mapa debuxarano nas noites Dolores Juliano, Javier Peteiro Cartelle, Joserra Landarroitajauregi Garai, e Manuel Cochole Paolo Gomane. Será na última das sesión de noite onde terá lugar a sesión de clausura a cargo de Román Gubern historiador de medios de comunicación de masas e especialista en cultura da imaxe e comunicación audiovisual, actual colaborador de El País que foi pioneiro en estudios sobre a pornografía en España.

Aínda que o acceso será libre durante as xornadas de mañá tarde e noite, aquelas persoas que queiran contar coa acreditación e obter os créditos ECTS ou a homologación de Formación de Profesorado deberán solicitar a inscrición. O período para a inscribirse ábrese esta fin de semana e estará aberto ata o 4 de abril. A información estará dispoñible na web e nas redes sociais da Aula Castelao de Filosofía.

A Aula Castelao de Filosofía agradece á Universidade de Vigo a colaboración na organización da XXXII Semana Galega de Filosofía e o patrocinio do Concello de Pontevedra e a Casa das Campás, gracias á cal permitirá ofrecer ós alumnos universitarios un crédito ECTS de libre configuración. Ademais a Consellería de Cultura homologará as xornadas como Formación de Profesorado destas xornadas. A Aula Castelao tamén agradece a colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra e Paradores a través do Parador de Pontevedra nesta XXXII Semana Galega de Filosofía.

 

6 de marzo de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.