Semana de paixón polo futsal
Xa roxen os motores do Santiago Futsal, que se preparan para a gran semana que ten por diante. Coincidindo coa festividade de Semana Santa, o club compostelán tamén vivirá a súa particular semana de Paixón, pero a súa será unha devoción futbolística, xa que o gran obxectivo de alzarse coa Copa Xunta e os partidos contra dous grandes da liga decidiranse nos próximos 7 días.
A primeira proba á que se enfrontará o conxunto branco terá lugar este venres no Pavillón Fundación Montemadrid (21h), onde se medirán a Inter Movistar no partido correspondente á 26ª Xornada de Liga. Os de Santi Valladares visitan unha dura pista na que só Pozo Murcia conseguiu puntuar (2-2).
A segunda pedra á que se enfronta o equipo, só catro días despois do partido en Madrid, é a final da Copa Xunta, gran obxectivo do club tras lograr a permanencia. Santiago Futsal medirase a O Parrulo FS, o mércores da próxima semana, 1 de Abril, ás 21h nas Pontes, sede a Final da Copa Xunta. Todo o persoal é consciente da importancia que este trofeo ten para o club, e é que o equipo compostelán revalidaría o título de “Rei de Copas” con 7 títulos autonómicos nas súas vitrinas e pecharía con nota unha gran tempada do club branco.
Por último, e en pleno auxe da festividade de Semana Santa, Santiago Futsal recibirá ao líder da liga, o FC Barcelona o sábado 4 de Abril ás 13h no Multiusos Fontes do Sar. O ‘partidazo’ da tempada, no que o club espera rozar o cheo absoluto do pavillón, será retransmitido en directo polas cámaras de Teledeporte, que serán testemuñas do encontro entre dous conxuntos con obxectivos diferentes: os de Santi Valladares buscan situarse na 10ª posición da táboa e darlle así prestixio á salvación; e os de Marc Carmona loitan por consolidarse como líderes da Primeira División.
Tres grandes probas para un conxunto que demostrou que pode plantarlle cara a calquera equipo da categoría, e que loitará e competirá por facerse coa vitoria no tres duros encontros que ten por diante.











