publicidade hoxe

SANSa SOLEIL proxéctase no LUPA de San Sebastián a próxima semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Chanfaina Lab é un proxecto de cine completamente libre nacido con dous obxectivos: converter San Sadurniño en materia prima da creatividade audiovisual e converter esa creatividade audiovisual nun xeito de dar a coñecer o territorio alén das nosas fronteiras. O primeiro obxectivo cumpriuse no momento en que unha vintena de realizadores e realizadoras fixaron a súa particular ollada na xente e na paisaxe. O segundo está empezando a dar os seus froitos a través da difusión das obras en youtube e en festivais e encontros de grande reputación. Hai tan só uns días puidemos ver varias pezas no CGAI e a próxima semana será Otto Roca quen proxecte o seu SANSa Soleil na mostra documental LUPA, que se celebra do 2 ao 5 de abril en San Sebastián.

A LUPA é unha mostra de cinema documental que vai pola súa oitava edición e na que se xuntan proxeccións, mesas redondas e foros de intercambio de experiencias. Celébrase en Donostia e Errentería, onde se conxugan documentais combativos e de denuncia con pequenos proxectos máis persoais e outros de maior orzamento. 

Un dos seus apartados é o LOOPA, onde se mostran pezas experimentais a través dunha videoinstalación en loop. Nesta edición LOOPA leva o título de “Galicia Arde” e nela pasaranse en bucle catro obras de creación galega: Vía Láctea, de Xisela Franco; La imagen arde, de Lois Patiño; 8 pezas, de Carlos Álvarez Ossorio e, tamén SANSa SOLEIL, a proposta realizada por Otto Roca dentro do Chanfaina Lab.

A curta, de 7 minutos de duración, reflicte unha ducia de paraxes de Naraío, Lamas, Ferreira, O Forgoselo e a Punta Frouxeira, en Valdoviño, para compoñer un audiovisual no que a natureza “se contempla a si mesma, fóra dos límites da vista convencional, unha sorte de visión que nos achega ao que miran as rochas ou as árbores dende dentro da propia paisaxe”, tal e como se describe na ficha de “SANSa SOLEIL” en falamedesansadurnino.org. 

Roca xuntou no video imaxe en video con fotografías capturadas mediante técnica da solarigrafía, na que se usan sinxelas cámaras feitas con frascos e película fotosensible para rexistrar durante días ou semanas instantáneas debuxadas polo sol ao seu “paso” polo firmamento.

24 de marzo de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.