publicidade hoxe

San Sadurniño pon en marcha a reparación de varias pistas incluídas no Plan Marco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O lugar da Seara, en Lamas, é o punto de arranque das obras de reparación de varias pistas con cargo ao Plan Marco de mellora de camiños municipais financiado con fondos europeos. O antigo PEIM do AGADER permite levar adiante proxectos cuantificados inicialmente en algo máis de 131.000 euros que suporán o amaño de 6.5 quilómetros de estradas municipais nas próximas semanas, distribuídas polas parroquias de Lamas, Bardaos, Santa Mariña do Monte, San Sadurniño, Ferreira e Naraío. Porén, este non será o único investimento na rede viaria local, xa que o Concello reserva outros 138.000 euros agrupados en tres proxectos que se desenvolverán na maior parte destas parroquias e tamén en Igrexafeita. Ambos programas deixarán listos arredor de 12.5 quilómetros de estradas municipais.

O Plan Marco de mellora de camiños 2014-2015 sufragado con fondos procedentes da Unión Europea supuxo unha achega de 131.786 euros. Cartos que deben investirse na primeira metade deste ano na reparación de vías de titulariedade municipal. O Concello preparou sete proxectos que suman un total de 6.5 quilómetros de pistas ás que se lles reporá o firme e se lles arranxarán as cunetas. 

A primeira na que se está traballando é a que une os lugares da Seara, en Lamas, con Randulfe, en Bardaos. aínda que as obras se van desenvolver case de forma simultánea en todos os puntos recollidos nos proxectos. Así as reparacións tamén chegarán á pista entre Castrelo e A Pereira (Santa Mariña do Monte), da Veiga ao Castro e entre A Seara e Randulfe (Bardaos), o camiño de Portolamas (O Camiño Arriba), o dos Pantís (Lamas), entre Raña e A Gándara (San Sadurniño-Ferreira) e de Fontao ao Piñeiro, en Naraío.

O programa de conservación da rede viaria deste ano completarase posteriormente cos tres proxectos do POS -arredor de 138.000 euros- que intervirán sobre outros 6 quilómetros de pistas municipais. O primeiro deles ocuparase das da Leiriña a Santiso e da do Xestal, en Ferreira, así como da pista do Vilar en Igrexafeita. O segundo proxecto, tamén para asfaltados, recolle a pista desde Castrelo ata A Veiga e o camiño da Escoitadoira, en Santa Mariña do Monte. O terceiro documento establece as obras de mellora da pista entre Soutocalvo e A Vila -Ferreira-, a das Paredes no Camiño Arriba, a do Cancelo -Lamas- e o camiño de Corrás en San Sadurniño.

A programación de obras responde na maior parte dos casos a peticións formuladas nas xuntanzas do orzamento participativo celebradas a finais do ano pasado, pero tamén a criterios de urxencia e viabilidade. Por outra banda, desde o Goberno Local tamén se indica que os proxectos “se deseñaron buscando que beneficien o maior número de persoas posible e procurando manter o equilibrio territorial dos investimentos”, tal e como indica a titular da área de obras, Amparo Calvo.

30 de marzo de 2015 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.