publicidade hoxe

San Sadurniño pecha o sábado os actos co gallo do Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Casa da Cultura acollerá o sábado a partir das 18h. o acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Será un evento protagonizado pola música e o audiovisual co que se pecha un mes dedicado á reivindicación da igualdade de xénero e á esixencia dun necesario cambio social para que esa igualdade sexa real.

O evento arrancará coa actuación do club Brío de ximnasia rítmica, un cadro de nenas que están colleitando nos últimos tempos unha chea de éxitos. Abonda con reseñar o seu palmarés no 2014: 1º posto no Torneo do Culb Porta Norte de Burela, 1º posto no IX torneo de Primavera” Cidade de Ferrol, 1º posto Torneo Provincial Escolar, 1º posto I Torneo del Club Apóstol Santiago de Vigo, 2º posto para Laura Carballo en categoría benxamín individual no I Torneo del Club Apóstol Santiago de Vigo e o 1º posto de Andrea Novo en categoría benxamín individual no XI Torneo Cidade da Coruña Axiga.

A exhibición de Brío será a introdución a un encontro que terá moito que ver co audiovisual en feminino. A realizadora Xisela Franco presentará xunto con Cruz Piñón a peza que leva por título o nome desta veciña de Ferreira. A curta, realizada dentro do proxecto Chanfaina Lab, cóntanos de que maneira cambiaron as TIC a vida de Cruz e de que maneira internet lle axuda a continuar medrando como persoa. A obra é un dítico visual con pantalla partida na que asistimos ás dúas facetas da vida de Cruz: a do día a día da muller do rural e a da muller con ganas de aprender e de non deixar escapar o mellor dun mundo novo que se abriu diante dela. 

Logo de “Cruz Piñón” chegará a segunda proxección da tarde. Trátase de “Faladas de Muller”, un traballo colaborativo realizado por 30 mulleres de Bardaos, Santa Mariña, Naraío, Ferreira e San Sadurniño que participaron nos obradoiros de memoria activa do ano pasado. Neste documento as mulleres lembran, a través de testemuñas orais e fotografías como era a vida das mulleres de antes. Relatos sobre as avoas, as nais e sobre elas mesmas que nos fan reflexionar sobre o que levan cambiado os tempos e o que aínda lles falta por cambiar. “Faladas de Muller” é o resultado da colaboración do departamento de Igualdade de da Aula CeMIT. De feito, a responsable da aula, Carmen Suárez, leva varios días preparando este audiovisual que estará dispoñible en falamedesansadurnino.org a partir do luns que vén. 

O peche do acto central co gallo do Día Internacional da Muller é, segundo as responsables de organizalo, “unha sorpresa musical” da que só se avanzou que contará coa participación da maioría das mulleres que asisten a actividades municipais como os obradoiros de memoria, as clases de ximnasia de mantemento ou os cursos ofrecidos pola Aula CeMIT.

26 de marzo de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.