publicidade hoxe

San Sadurniño ofrece asesoramento para solicitar as axudas de renovación de lousados e fachadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tres convocatorias de axudas para a renovación de tellados, lousados e paredes exteriores de vivendas ou edificios. A subvención pode chegar ao 30% do investimento e cómpre bulir nas solicitudes, xa que se trata de liñas que finalizan o 13 de xuño ou incluso antes se se esgotan os fondos destinados. A oficina de Desenvolvemento Local ten máis información sobre a normativa e tamén se pon ao servizo daquelas persoas que precisen solventar dúbidas ou axuda coas solicitudes. Ademais, toda a documentación pode presentarse a través do Portelo Único do Concello.

O obxectivo destas liñas de axuda é financiar os traballos de reacondicionamento de cubertas e fachadas para lograr unha maior eficiencia enerxética das vivendas e tamén unha mellor estética. O DOG publica tres: unha para renovación de cubertas con tella cerámica, outra para cambiar lousados con pizarra e unha terceira destinada ás paredes exteriores, que deberán cubrirse con granito.

Destas axudas poderán beneficiarse vivendas unifamiliares ou colectivas e a principal condición é que se acometan obras completas, é dicir, non serve arranxar só unha parte do lousado ou da fachada. Os conceptos financiables son os proxectos, os permisos e licenzas e a execución material dos traballos, que non inclúen intervencións nas estruturas de soporte nin outros gastos nos que se poida incorrer en paralelo, como o cambio de fiestras ou de carpintaría exterior.

As ordes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, e ante calquera dúbida sobre a normativa podemos acudir onda o técnico municipal de Desenvolvemento Local, que nos axudará coa solicitude. Outra opción é falar coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas a través do 012 ou dos teléfonos 981 957 092 ou 981 957 259.

13 de marzo de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.