publicidade hoxe

San Sadurniño e a Deputación da Coruña asinan o acordo económico para dotar de herba artificial o campo de Corrás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Secundino García e Diego Calvo rubricaron este mediodía o convenio económico mediante o que a Deputación da Coruña se compromete a financiar o total do proxecto deseñado polo Concello en 2013 para converter o campo de Corrás nunha cancha de herba artificial. Por desexo expreso do gabinete da presidencia provincial o acto de sinatura trasladouse ás instalacións do propio campo de fútbol, no que se investirán arredor de 340.000 euros. As obras executaranse durante o verán co obxectivo de telas rematadas para o comezo da temporada 2015-16.

O convenio asinado establece as condicións de financiación das obras de implantación de céspede artificial, valoradas no proxecto municipal en 340.224,41 euros. As obras responden á necesidade de optimizar o uso do campo municipal, onde actualmente xogan o C.F. San Sadurniño e 120 rapaces e rapazas das escolas deportivas. Unha carga demasiado intensa para unha cancha de herba que case non se dá recuperado durante o inverno a pesar dos esforzos por mantela en perfectas condicións. De feito, os adestramentos de todos os equipos trasládanse ao campo de Santa Mariña do Monte, tamén de titulariedade municipal, e en ocasións é necesario disputar partidos noutros municipios.

O cambio a herba artificial permitirá, polo tanto, usar o o campo de Corrás tanto para os partidos como para a preparación do equipo sénior e dos de base. Ademais tamén abriría a posibilidade de que formacións como a UDC Narahío -o outro equipo federado do municipio- empregasen as instalacións municipais en vez de ter que alugalas en Ferrol ou A Capela, onde xa existen campos deste tipo.

Outra das razóns para acometer a obra é a previsión de aforro nos gastos de mantemento. Na actualidade son arredor de 10.000 euros que, co paso a superficie artificial, quedarían reducidos a menos da metade.

As obras reflectidas no proxecto municipal consistirán no movemento de terra, a nivelación do terreo, a colocación de sistemas de drenaxe e, por último, o alfombrado do campo con rolos de céspede sintético que pode ir mesturado con area ou con caucho para reproducir o comportamento dunha superficie natural. 

Máis en detalle, a actuación centrarase en retirar o céspede natural e substituílo por outro artificial de máxima calidade e dunha superficie de 92×57 metros. O proxecto inclúe a execución de beirarrúas de formigón de 1,5 metros ao longo de todo o perímetro do terreo de xogo, excepto na banda das bancadas, onde terá un ancho superior, de 2,5 metros. Ademais, por motivos de seguridade e para evitar a entrada de público no campo, vaise instalar tamén un valado a unha altura de 0,90 metros. Os postes e as varandas serán de aluminio. Por último, instalaranse novas porteirías fixas e outras catro abatibles para fútbol 7.

Trala sinatura de hoxe o Concello deberá sacar a contratación unhas obras -financiadas ao 100% con fondos provinciais- que se executarán durante o verán. Os prazos  que se manexan son o de contratar os traballos antes da metade deste ano e telos rematados antes do inicio da temporada de fútbol 2015-2016. 

13 de marzo de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.