publicidade hoxe

San Sadurniño abre o periodo de reserva de praza para a Escola Infantil Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este mes de marzo contará con dous periodos para solicitar praza na EIM de San Sadurniño de cara ao curso 2015/2016. O primeiro -aberto desde hoxe- rematará o 15 de marzo e está dirixido ás nenas e nenos que xa están matriculados no centro. O segundo prazo, do 16 ao 31 de marzo, será o das solicitudes de novo ingreso para as familias que queiran matricular as crianzas na escola por primeira vez. A escola conta con 38 prazas, 8 na unidade de tres meses a un ano, 13 na de un a dous e 17 na de dous a tres anos.

Neste primeiro periodo, o da reserva de praza para alumnado que xa está matriculado no presente curso, as familias deberán presentar a solicitude que se pode descargar ao pé desta información. Trátase dunha folla por neno ou nena que debe ir acompañada dunha copia do documento de identidade de quen soliciten, outra do libro de familia e/ou do título de familia numerosa, un certificado de convivencia e, no caso de acollementos, documentación que os xustifique. 

Por outra banda, na propia folla de solicitude tamén se indican outros documentos -xustificantes de ocupación ou desemprego, discapacidades, informes de necesidade de integración, etc- que sexan puntuables durante a baremación. Aínda que hai pouco tempo que os nenos e nenas están matriculados, a documentación debe presentarse de novo por se se produciron cambios na situación familiar que poidan variar as puntuacións de cara ao curso que vén.

A solicitude inclúe tamén o tipo de servizo elixido -con ou sen comedor e xornada elixida- e, unha vez cuberta, deberá presentarse no Concello.

Solicitude de nova incorporación

Para as novas matrículas na EIM abrirá entre o 16 e o 31 de marzo un segundo periodo de solicitude no que cumprirá presentar a mesma documentación e o mesmo formulario debidamente cuberto. Hai que ter en conta que as novas incorporacións estarán supeditadas á existencia de vacantes en cada unidade despois do periodo de reserva de praza. Unha circunstancia que non parece que vaia ser problema de cara ao curso que vén nas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos mentres que, en principio, na unidade de 2 a 3 -17 prazas dispoñibles- prevese unha oferta de 7 prazas non cubertas mediante reserva.

A prioridade nos novos accesos seguirá a seguinte orde: en primeiro lugar as familias empadroadas en San Sadurniño -así como fillos e fillas de persoal municipal e da propia EIM-; en segundo lugar e se hai prazas libres, as familias que aínda estando empadroadas noutros municipios teñan vinculación laboral con San Sadurniño e, en terceiro lugar na orde de prioridade, os nenos e nenas doutros municipios sempre que haxa vacantes.

Para obter máis información sobre este proceso pódese acudir ás oficinas de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de San Sadurniño ou ás dependencias da Escola Infantil Municipal. Tamén poden consultar dúbidas chamando aos teléfonos 981 490 027 etx. 1 (Servizos Sociais do Concello) e no teléfono 981 490 369 (Escola Infantil Municipal).

Axudas

Por outra banda, as familias que nestes momentos teñan matriculados os seus nenos ou nenas na escola deben lembrar que teñen ata o 16 de marzo para solicitar as axudas municipais para servizos de conciliación. 

Trátase dunha partida de 8.000 euros que se distribuirán entre as familias solicitantes que cumpran os requisitos e que poden chegar a cubrir ata o 50% do custe total do presente curso. Estas axudas son compatibles co Pagamento único por fillo ou filla menor de 3 anos que concede a Xunta de Galicia e que se poden solicitar ata o 14 de marzo.

2 de marzo de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.