Rosa Quintana visita a empresa Quescrem no concello de Castro de Rei

Rosa Quintana na visita ás instalacións de Quescrem
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou este mediodía a empresa Quescrem, en Castro de Rei. Alí destacou o apoio decidido da Xunta á modernización e innovación das empresas deste tipo, vinculadas coa transformación e comercialización de produtos procedentes dos sectores primarios. Neste sentido, lembrou que este ano a Xunta destina 8,6 millóns de euros ás axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais.
A titular de Medio Rural e Mar puxo a Quescrem como bo exemplo da posta en práctica da utilidade destas axudas, pois entre os seus piares de identidade está a innovación -de feito conta cun departamento propio de I+D+i- e a internacionalización. Estas achegas teñen como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.
Neste sentido, a conselleira valorou a importancia da modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. Todo isto, indicou Rosa Quintana, redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego.
Quescrem
Constitúese no ano 2006 co nome de social Innolact como extensión dun proxecto de investigación do Centro Tecnolóxico da Universidade de Santiago de Compostela, a Aula de Produtos Lácteos. Comeza a súa actividade produtiva a finais de 2007 e ten como actividade principal a fabricación de queixo fresco en crema (denominación de venda: queixo branco pasteurizado) a partir de coprodutos da industria láctea (leite mazada e nata) procedentes de Galicia.
A empresa conta con 40 empregados e pechou o 2014 cunha cifra de negocio de 6,8 millóns de euros. Neste mesmo ano logra a máxima clasificación do xurado do Instituto Internacional de Sabor e Calidade (International Taste and Quality Institute) para o seu queixo crema Quescrem Natural e tamén obtén o premio Éxito Empresarial da revista Actualidade Económica na categoría de Empresa Revelación.