Román Rodríguez asina un acordo coa European Chess Union e o Concello de Redondela para a promoción do xadrez
Na tarde de hoxe, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou co presidente da European Chess Union, Silvio Danailov, e co alcalde de Redondela, Javier Bas, un acordo de cooperación para o intercambio de ideas e métodos para organizar o proxecto Galicia ECU a partir da experiencia acumulada no concello de Redondela. A finalidade é promover a ensinanza de xadrez nos centros de educación primaria e de educación secundaria de Galicia.
A sinatura deste documento marco inscríbese na liña de traballo da Consellería de Educación para a promoción da innovación no ámbito educativo e o fomento de medidas para a mellora do éxito escolar. Conta para isto coa cooperación da ECU, a única institución autorizada para organizar, diseminar e promover diversos campionatos de xadrez en Europa, de acordo cos seus Estatutos, Regras e Regulamentos no que respecta ao ámbito de actuación da Federación Internacional de Xadrez (FIDE).
Esta nova iniciativa vénse a sumar a outras como a campaña “Xaque nas aulas”, desenvolvida pola asociación lucense Xaquedrum, en colaboración co departamento dirixido por Román Rodríguez, que procura ensinarlles aos escolares o xogo do xadrez a través de materiais editados en lingua galega.