Rocío Mosquera e o alcalde de Ames asinaron un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde do Milladoiro
O Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde acolleu hoxe pola mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ames, no que se establecen as bases para o desenvolvemento das obras de reforma no centro de saúde do Milladoiro. O convenio foi asinado pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o alcalde de Ames, Santiago Amor.
Tal e como recolle o documento asinado, o orzamento total da execución das obras ascende 45.334 euros, que serán cofinanciadas ao 50% entre o concello e o Sergas.
Cómpre sinalar que o centro de saúde do Milladoiro require de frecuentes actuacións de mantemento para ofrecer en cada momento o mellor servizo posible aos usuarios. Deste xeito, os técnicos do Servizo Galego de Saúde teñen detectado a necesidade de efectuar unha actuación de reparación integral na cuberta do centro.
Destacar, ademais, que se constituirá unha comisión mixta de seguimento encargada de garantir o bo fin e cumprimento do convenio hoxe asinado, que estará composta por dous representantes de cada unha das partes.
O prazo previsto para a execución das obras é de dous meses.











