Rey Varela presenta a “Ruta mulleres de Ferrol en Feminino: a súa historia, a nosa historia”

Presentación da proposta
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá a “Ruta Mulleres de Ferrol en Feminino: A súa historia, a nosa historia” que percorrerá sete puntos de interese histórico e cultural para diferentes ilustres mulleres ferroláns. O primeiro edil da cidade estivo acompañado pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; e pola concelleira de Igualdade de Ferrol, Verónica Casal Míguez.
Jose Manuel Rey lembrou que hai case un ano Ferrol poñía en marcha a unidade didáctica Concepción Arenal, unha voz rompedora “un excelente traballo realizado pola Xunta de Galicia ao abeiro do Plan Proxecta, respecto dunha das grandes figuras femininas da historia galega”. Así mesmo, o rexedor municipal destacou a continuidade da posta en valor da figura feminina con esta ruta con guía por lugares emblemáticos para as mulleres ferroláns como a estatua de Concepción Arenal, situada en Esteiro. “Unha intelectual de primeira talla e pioneira do movemento feminista de finais do séxulo XIX”, engadiu o alcalde. E por último, Jose Manuel Rey quixo agradecer o traballo da secretaria xeral de Igualdade Susana López “implicándose para que as políticas de igualdade sigan avanzando na nosa cidade”.
Esta proposta forma parte do programa “Donas de sí”, impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, e está orientada a centros de ensino. Así, nesta visita guiada pola historia das mulleres ferroláns participarán seis centros escolares de toda Galicia: Ferrol, Boiro, Forcarei, Quiroga, Muros e As Neves (Pontevedra). Arredor de 350 alumnos e alumnas participarán, entre o 10 e o 22 de abril, neste percorrido que lles dará a coñecer os persoeiros femininos máis importantes de Ferrol e que pon en valor a memoria histórica feminina. Así, esta ruta das mulleres ferroláns comeza no peirao de Curuxeiras e descorre pola rúa San Francisco, Xardíns de Herrera, a rúa Magdalena, a praza de Galicia, praza da Constitución, o barrio de Esteiro, parta rematar nas rúas do barrio histórico da Magdalena e o Centro Cultural Torrente Ballester.