Rey Varela inaugura a X Xuntanza Tecnolóxica Empresa – Universidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na inauguración da xutanza

Rey Varela na inauguración da xutanza

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu a inauguración da X Xuntanza Tecnolóxica Empresa – Universidade que hoxe e mañá se desenvolve no Campus da Escola Universitaria Politécnica (EUP) de Serantes. No acto inaugural, o primeiro edil da cidade estivo acompañado pola vicereitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño; o director da Escola Universitaria Politécnica, Manuel Graña; así como representantes da delegación de alumnos e alumnas.

Jose Manuel Rey encomiou esta iniciativa que os propios estudantes impulsaron hai anos coa colaboración da directiva da Escola Universitaria Politécnica. O primeiro edil da cidade destacou a importancia desta xuntanza onde organismo e empresas participantes teñen a oportunidade de presentar as súas actividades, produtos e novidades tecnolóxicas a través de exposicións e conferencias. Así mesmo, o rexedor municipal sinalou que “os futuros enxeñeiros poderán coñecer de primeira man o sector industrial, novas tecnoloxías así como as empresas e institucións nas que se poderán integrar unha vez finalicen os seus estudos”. E por último, salientou o contacto directo que lles permite este encontro coas empresas relacionadas coa enxeñería.

Os talleres están especialmente enfocados á formación para o emprendemento e a busca activa de emprego. Trátase de propostas prácticas impartidas por representes de firmas e por persoal da área de emprego da Universidade da Coruña. Grandes empresas como Siemens, Endesa, Navantia, Repsol ou organismos como a Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao participarán hoxe e mañá nesta X Xuntanza Tecnolóxica Empresa – Universidade.

18 de marzo de 2015 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.