Reunión en Verín da Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O salón de plenos do Concello de Verín acolleu unha reunión da Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero, presidida pola concelleira de Igualdade, María Corona Meixeira Romasanta, e a responsable do Centro de Información ás Mulleres; e na que participaron traballadores/as sociais das Mancomunidades de Municipios da Comarca de Verín, centros educativos do municipio e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e Xustiza.

Durante a mesma, realizouse un balance e análise dos casos de violencia de xénero dos últimos meses, denuncias, ordes de afastamento e protección, así como as medidas para seguir actuando na prevención e atención das vítimas. Ademais presentáronse os proxectos da área de igualdade que está a a realizar o Concello de Verín, como son “Equilibrio-Balance” (relacionado coa conciliación e corresponsabilidade) e o “Proxecto Irene” (de información, formación e prevención da violencia sexual en mozos/as e adolescentes). Na mesma tiveron un protagonismo especial os centros de ensino de primaria, co fin de tratar dende a base a prevención e eliminación da violencia de xénero que se está a incrementar en idades máis temperás; e para que se vai concretar a formación para profesionais de educación e servizos sociais das administracións en temas relacionados cos novos modelos de familias e abuso sexual de menores.

A mesa para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero busca mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.

A realización desta última Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero está enmarcada dentro das actividades organizada polas área de Igualdade do Concello de Verín co obxecto de conmemorar o Día Internacional das Mulleres: 8 de Marzo. Outra delas e a mostra gráfica ‘Imaxes de Muller’, que ten lugar na Casa da Xuventude ao longo de todo o mes, e que busca facer visibles os distintos papeis que a muller xogou dende os principios dos tempos (a mesma está cedida polo verinense Xerardo Dasairas Valsa).

6 de marzo de 2015 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.