Regresa a Vilagarcía o obradoiro de técnicas educativas e resolución de conflitos para familias con fillos de ata 12 anos
A necesidade manifestada polas familias de ter maior coñecemento sobre como proceder á hora de educar aos seus fillos ou resolver os problemas que xorden no día a día é a razón pola que a Concellería de Servizos Sociais promove unha nova edición do Obradoiro de Técnicas Educativas e Resolución de Conflitos que se desenvolverá nos meses de abril e maio. A actividade está dirixida a familias con fillos de ata 12 anos, é gratuíta e ofértanse 15 prazas.
O obradoiro para familias enmárcase no servizo Conciliatardes, aínda que non é requisito ser beneficiario deste programa para participar no curso. A actividade está aberta a todas as familias que o desexen e será impartida polos profesionais do Conciliatardes.
No obradoiro abordaranse problemáticas ou situacións que se viven no día a día de calquera familia con fillos, e cuxa temática soe ser común en relación á idade dos rapaces. Os técnicos exporán aos pais e nais algúns métodos para tratar, por exemplo, de mellorar o rendemento escolar dos seus fillos abordando aspectos como a conveniencia de axudarlles a facer os deberes ou como axudarlles para que saiban estudar por eles mesmos.
Tamén se tocarán aspectos relativos a como deben actuar os pais para conseguir un comportamento axeitados dos rapaces, tratando de que entendan o concepto de corresponsabilidade adaptado á cada idade.
E igual de importante é a relación paterno filial. Mellorala para un axeitado desenvolmento dos nenos e tamén do núcleo familiar no conxunto a través da conversa, compartir tempo de xogos ou actividades e mesmo aprender técnicas para a resolución de conflitos mediante a negociación razoada entre ambas partes.
O prazo para anotarse neste obradoiro ábrese hoxe e remata o 9 de abril. Os interesados deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello cumprimentando o formulario que poden imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal ou recoller nas dependencias de Servizos Sociais. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O obradoiro desenvolverase en catro sesións que se celebrarán no Auditorio. Para facilitar a asistencia dos proxenitores faranse en sábado pola mañá, en concreto os días 11 e 25 de abril e 9 e 30 de maio, en horario de 10 a 13 horas.











