Rebaixa a seis meses de cárcere por apropiarse de cartos dunha empresa agora pechada
Un home acusado dun delito de apropiación indebida por quedar con parte do diñeiro que lle entregou un cliente para pagar á empresa para a que traballaba, acordou unha rebaixa da pena que pedía a Fiscalía e aceptou seis meses de prisión e unha multa de 60.000 euros tras desaparecer a compañía.
A vista, que ía ter lugar este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, finalmente non chegou a celebrarse ao chegar todas as partes a un acordo de conformidade.
Aínda que Fiscalía pedía catro anos e medio de cárcere e multa de 3.600 euros para o home, ao que acusaba de quedar con 187.000 euros que recibiu dun cliente e non ingresou na conta da empresa para a que traballaba, acordouse rebaixar a pena a seis meses de prisión, unha multa de 240 euros e unha indemnización de 60.000 euros máis intereses.
Ao acusado aplicóuselle a atenuante de dilacións indebidas -de feito nun ano prescribiría o delito-, posto que os feitos se remontan ao ano 2006, cando o home traballaba na empresa Laminex Madrid como vendedor de carpintaría de aluminio. Dende entón, a empresa quebrou e entrou en concurso de acredores.
Segundo comunicaron fontes próximas ao caso, a pesar de que para a vista deste martes estaban citados o denunciante, a acusación particular, e as testemuñas, ningún deles chegou a comparecer. Así, a contía da indemnización foi acordada cos administradores concursais da empresa.