Raúl López móstrase totalmente tranquilo tras ser detido
O presidente do grupo empresarial Monbus, Raúl López, manifestou este xoves, tras ser detido no marco da ‘Operación Cóndor’, que se atopa “totalmente tranquilo”. Así o dixo aos medios á saída do Banco Sabadell onde acudiu a unha dilixencia practicada pola xuíza instrutora desta causa, Pilar de Lara Cifuentes, por supostos delitos de branqueo e contra a facenda pública, entre outros.
Fontes xudiciais confirmaron que, en concreto, investíganse delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno.
No marco da ‘Operación Cóndor’ foron detidas, ademais de López en Lugo, outras catro persoas na localidade pontevedresa de Sanxenxo relacionadas co grupo empresarial presidido por este. Raúl López chegara sobre as 12,40 horas deste xoves, tras ser detido, á oficina do Banco Sabadell da rúa Progreso de Lugo, onde acudiu De Lara ás 13,00 horas, para a práctica dunhas dilixencias.
Pouco despois dunha hora o detido saíu da oficina bancaria, asegurando aos medios que se atopaba “tranquilo de todo” tras o seu arresto no marco deste operativo.











