publicidade hoxe

Puertas de Galicia continúa a promoción dos seus atractivos turísticos no Centro Comercial Marineda City

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVerín
A-
A+

Mañá sábado 07 de marzo, o Road Show de Puertas de Galicia achegarase ao Centro Comercial Marineda City de A Coruña, co fin de amosar todos os recursos turísticos das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras.

Durante a xornada, os/as visitantes poderán participar nas diferentes actividades programadas para presentar oferta gastronómica e vitivinícola, patrimonio natural e cultural destas dúas comarcas. O cociñeiro Luis Vidal elaborará, en show cooking, pratos como “Falso ovo con escuma de pataca e chourizo ceboleiro”, “Caramelos crocantes de mazá e viño da Denominación de Orixe Monterrei” ou “Roxón e chocolate picante”. Tamén os/as visitantes poderán participar en breves sesións de cata guiada dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, pedalear coñecendo as rutas cicloturistas do territorio ou fotografarse no posto e gañar unha Escapada de fin de semana a Puertas de Galicia para dúas persoas. Mentres que os/as nenos/as poderán gozar nos seus obradoiros de manualidades, aprendendo a elaborar as súas máscaras de Entroido ou as “chocas”.

O Road Show de Puertas de Galicia xa visitou Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo e finalizará a súa andaina o próximo fin de semana en Santiago de Compostela. Esta promoción, que se inclúe dentro das actividades propias do Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia, ten dous obxectivos concretos: amosar o territorio das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras (Xeodestino Verín-Viana), aos mercados emisores de proximidade, e promover o noso territorio directamente a público final. A través da mesma darase a coñecer estas dúas bisbarras bisbarras a bo número de potenciais visitantes nun ámbito próximo non maior a dúas horas, o que axudará a desestacionalizar o turismo e que nos poidan visitar ao longo de todo o ano.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.

6 de marzo de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.