Preséntase o proxecto de remodelación da praza da Sagrada Familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Presentación do proxecto

Presentación do proxecto

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá a remodelación da praza da Sagrada Familia, encadrada entre as rúas Sarxento Provisional, Nosa Señora de Fátima e Travesía da Nosa Señora de Fátima, unha actuación enmarcada na programación da área de rehabilitación integral para o barrio no ano 2015.

“Renovamos e abrimos o corazón dun barrio; un espazo central pero obsoleto e totalmente pechado por un valo de 2,80 metros de altura. Agora ábrese este espazo e elimínanse as barreiras, aumentando os puntos de acceso á praza que pasarán dun a cinco. Tamén se considera a creación dunha zona de 250 m2 de xogos infantís para nenos de 2 a 14 anos para recuperar este espazo para todos os veciños”, explicou o alcalde, quen destacou: “Trátase de transformar o centro do barrio para que se sume á calidade urbana do século XXI”.

Neste sentido, o rexedor indicou que o proxecto, que atende as demandas dos veciños da zona, actuará sobre un total de 1.500 m2 e incluirá actuacións de mellora da accesibilidade, con máis accesos e a eliminación de barreiras, pero tamén na iluminación ou na recollida de pluviais. Ademais, mantense a pista deportiva de 310 m2 mellorando as súas condicións lumínicas e os seus pavimentos; e o parque infantil, cunha capacidade para 40 nenos e nenas, divídese en dúas áreas diferenciadas: unha en altura e outra ao nivel da praza. Así, a área de xogo en altura integrará tobogáns e un rocódromo e, na praza, formularanse xogos de equilibrio, de desenvolvemento psicomotriz, relación e rol adaptados aos distintos rangos de idade.

Carlos Negreira, acompañado do tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que o proxecto se licitará en abril, cun investimento de 420.000 euros e a previsión de que a obra empeza no terceiro trimestre deste ano. O alcalde avanzou que o período de execución que se fixa no concurso é dun máximo de 8 meses, á espera de que se produza unha redución do prazo nas ofertas que se presenten.

A reforma da praza, que inclúe zonas verdes e a renovación de pavimentos e mobiliario urbano, tamén considera a renovación dos accesos aos servizos municipais e a construción dun novo volume que albergará o acceso o público ás dependencias cedidas á Cociña Económica, que permite un uso máis cómodo por parte dos seus usuarios cunha estanza de espera inexistente na actualidade.

12 de marzo de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.