Preséntase o III Plan de Igualdade do Concello de Mos
A concellería de Benestar Social mosense iniciou na Ludoteca Municipal, sita en San Rafael –parroquia de Pereiras-, o reparto de exemplares do documento marco III Plan de Igualdade Concello de Mos 2015-2018.
A edil responsable do departamento municipal de Benestar Social, Sara Cebreiro, entregoulle o Plan de Igualdade ós representantes da propia Ludoteca, da Escola de Música Municipal de Mos en Torroso, Círculo Recreativo e Cultural de Torroso, Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Celado de Cela, Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras e Asociación Deportiva Rutas a Cabalo.
Cebreiro anunciou que, ó longo da presente semana, rematarase o reparto de exemplares a tódolos colectivos do Concello de Mos: centros educativos, tanto colexios como Instituto e Escolas Infantís, asociacións culturais e veciñais e agrupaciós e clubes deportivos.
A concelleira Sara Cebreiro explicou que “a importancia de que todo o tecido asociativo e educativo de Mos teña no seu poder este III Plan de Igualdade é que son todas estas entidades as que teñen un contacto máis directo coa veciñanza de tódalas idades da localidade, polo que é un dos xeitos máis efectivos de difundir e promover a igualdade entre homes e mulleres”, dixo a edil.
Ademais, a responsable municipal de Benestar Social declarou que “dende o Concello de Mos presentamos este Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-2018 esperando que sirva de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos tanto entre os traballadores desta administración local coma entre os máis de 15.000 veciños e veciñas do municipio”.
E é que, lamentablemente a conciliación persoal, laboral e familiar segue a ser máis complicada para as mulleres que para os homes, xa que, segundo datos do Instituto da Muller, ésta é a que continúa a adicar máis tempo ás tarefas domésticas. Así mesmo son as mulleres as que seguen a ocupar os postos de menor categoría, con peores condicións laborais e tendo un restrinxido acceso a determinados sectores que seguen a ser de dominio exclusivo do xénero masculino.
Son realidades coma ésta as que se pretenden cambiar, ou alomenos propiciar o cambio, mediante a creación deste Plan de Igualdade específico para o Concello de Mos.
A finais do ano 2014 e atopándonos no Primeiro Mundo, o nivel de alfabetización das mulleres ía tamén por detrás do dos homes. É por iso que dende a administración local considerouse imprescindible o emprendemento de accións como este documento marco que promovan o cambio social necesario con repercusións reais, positivas e tanxibles.
Este novo Plan de Igualdade dá continuidade ós precedentes tamén elaborados por esta administración local.
O obxectivo que perseguen as accións coma as que se propoñen no Plan é conseguir progresivamente unha igualdade real entre mulleres e homes, revalorizando a figura da muller na sociedade actual e deixando atrás a falsa igualdade.
Por todo isto dende as administración local mosense promoveuse este plan de igualdade adaptado ós propios contexto e idiosincrasia de Mos, ás súas necesidades e problemáticas concretas; deseñando así ferramentas nas que se fai o máis óptimo aproveitamento posible dos recursos propios.