Preséntase a VI edición do Certame de Cinema OUFF escola
Esta mañá a concellería de Cultura e o Festival de Cine Internacional de Ourense presentaron a convocatoria do VI Certame de Cinema escolar OUFF escola.
O OUFF escola, é un concurso que ten como obxectivo o fomento da participación do alumnado en proxectos audiovisuais, impulsar a creatividade, o traballo en equipo e o uso do idioma galego. Tamén pretende potenciar a utilización das tecnoloxías da información e comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra audiovisual feito nas aulas.
Trátase da VI edición deste certame, que se convoca dentro da 20º edición do Festival de Cine Internacional de Ourense correspondente a este ano – a celebrar entre o 14 e o 22 de novembro de 2015 -. A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de centros públicos e privados de Galicia e aos de fora de Galicia que teñan materias en lingua galega. Na pasada edición bateuse o récord de participación con 76 traballos presentados que implicaron a máis de 2.000 participantes – chegados ata de Reino Unido -.
A data límite para presentación de traballos é o 30 de xuño de 2015 e establécense dúas categorías, unha para infantil e primaria, e outra para outros niveis de ensino non universitario. Para ambas hai dous premios de 600 e 400 euros respectivamente, xunto cun terceiro premio Blanco Amor ao Mellor Guión, cunha dotación de 300 euros.
Na presentación estivo a concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido, acompañada xunto a Nora Sola, directora do Festival de Cine e Ana Cacabelos. Toda a información da inscrición está na páxina web do festival www.ouff.org, e os traballos enviaranse ao enderezo da Concellería de Cultura – Praza de San Martiño, 2 – 1º andar, 32005 Ourense.











