Premios e concursos no Fórum Gastronómico Coruña 2015
No Fórum Gastronómico Coruña 2015 entregaranse os Premios Picadillo, o Premio ao Cociñeiro do Ano ou o Concurso de Polbeiras/os. Ademais do II Campionato Gallego de Tiraxe de Cervexa organizado por Estrella Galicia, patrocinador do Fórum, entre outros.
O Concurso de Polbeiras/os premiará a habilidade dos profesionais na elaboración e servizo do Polbo á Feira. Dotado con tres premios, este concurso abrirá o programa de actividades do Fórum o domingo a partires das 11 da mañá. Nel participarán un total de 7 polbeiros/as.
O Premio Cociñeiro do Ano, organizado por Fórum Gastronómico e La Voz de Galicia, salienta o labor dos cociñeiros emerxentes que utilizan produto de proximidade, teñen sensibilidade con producións ecolóxicas, colaboran conxuntamente con produtores locais e difunden estes valores. Os finalistas son Alberto Lareo (Manso, Santiago), Gorka Rodríguez (Pulpería de Melide, A Coruña), Iñaki Bretal (Eirado da Leña, Pontevedra), María Varela (Parada das Bestas, Palas de Rei) e Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira). O portal web www.cocineirodoano.com recolle ata hoxe a medianoite os votos. A entrega de premios será o domingo 15 de marzo, primeira xornada do Fórum Gastronómico, no Auditorio. Cada un deles elaborará unha receita ao vivo.
O domingo tamén vanse entregar os premios do Concurso de Tapas Fórum Gastronómico, patrocinado por Estrella Galicia, nunha sesión do auditorio dende as 13h. Desde o pasado 28 de febreiro os degustadores dos petiscos puideron votar polas mellores propostas. Ademais do premio do público, tamén se outorgarán dous premios do xurado.
Ademais, entregaranse os premios do II Concurso “Cociñeiro Junior” Escola Álvaro Cunqueiro Fórum Coruña, onde os cativos amosaron as súas habilidades culinarias. O certame estivo convocado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña e máis o Fórum Gastronómico.
O luns 16, vanse entregar os Premios Picadillo, que salientan a traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria galega
Ademais Estrella Galicia celebrará o II Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa no Fórum Gastronómico. Será o luns 16 de xaneiro no posto de Estrella Galicia. A cervexeira pretende recoñecer a través desta competición a importancia da profesionalidade e calidade no servizo. O campión e máis o subcampión representarán a Galicia no certame estatal que terá lugar en abril no Salón Gourmets de Madrid.
Fórum Gastronómico Coruña 2015 conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Coruña Turismo. O patrocinador principal é Estrella Galicia ademais doutros patrocinadores como Cabreiroá, Unilever Food Solutions e Electrolux. Conta tamén con numerosos colaboradores, patrocinadores técnicos e un medio oficial.











